Alfabeto árabe
sistema de escrita árabe / From Wikipedia, the free encyclopedia
O alfabeto árabe (árabe: أبجدية عربية) é a escritura usada en diversas linguas do mundo, como o árabe, o persa e o urdú. É o segundo alfabeto máis estendido a nivel mundial, só por detrás do alfabeto latino.[1]
Historia do alfabeto |
---|
Idade de Bronce Medio ss –XIX - -XV
|
Meroítico s. –III. |
Xenealoxía completa |
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Hai diferentes sistemas estandarizados para a romanización do árabe, é dicir, adaptar o alfabeto árabe ao latino ou romano. Por exemplo, o SATTS (inglés: Standard Arabic Technical Transliteration System - Sistema de transliteración técnica do árabe estándar) é un sistema empregado para adaptar o alfabeto árabe ao latino para angloparlantes adoptado polo Exército dos Estados Unidos.
O árabe ten características similares ao alfabeto hebreo, neste sentido é un abjad. Isto refírese ao feito de que as vogais curtas non se transcriben na maioría de libros e publicacións, senón que han de deducirse do contexto. Esta situación vese aliviada co feito de que as linguas semíticas poñen a maior parte do seu significado en consoantes e vogais longas, que si son transcritas. Ten 28 letras básicas, con algunhas variantes e diversos signos auxiliares.[1]
A escritura árabe actual data do século IV e recibe o nome de nasji para diferenciala da primitiva escritura máis redondeada chamada cúfica. É unha escritura ligada e en forma cursiva, máis que unha sucesión de caracteres individuais. Ademais doutras consecuencias, isto implica que a forma da letra está influída pola posición que ocupa na palabra. Escríbese de dereita a esquerda;[2] non ten maiúsculas e non se permite a división da palabra a final de liña; en cambio, é posible alongar os trazos de unión entre letras tanto como se queira, a fin de que o texto quede aliñado. As consoantes dobres indícanse cun tashdid, (un símbolo parecido á 'w') sobre a letra en cuestión.
O Corán, o libro máis importante do islam, está escrito usando o alfabeto árabe. Ademais da lingua árabe, hai varias linguas que usan este mesmo alfabeto, entre as cales se inclúen o urdú e o persa; o turco escribíase con árabe[3] ata as reformas de Kemal Atatürk na década de 1920. Este foi reincorporado oficialmente polo goberno turco de Erdogan no ano 2014, aínda que só para o ámbito relixioso. Algúns musulmáns aragoneses e casteláns dos séculos XIV a XVI escribiron obras, principalmente relixiosas, en lingua romance con caracteres arábigos (o que se coñece como literatura alxamiada).
A caligrafía árabe considérase unha arte por dereito propio. Dado que o islam sunnita prohibe a representación de seres animados, a arquitectura islámica (mesquitas e palacios) adoita usar versículos do Corán delicadamente escritos. Un exemplo é o palacio da Alhambra de Granada.