Alquilación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A alquilación é a transferencia dun grupo funcional alquilo desde unha molécula a outra. O grupo alquilo pode ser transferido por medio dun alquil carbocatión, un radical libre, un carbanión ou un carbeno (ou os seus equivalentes).[1] Os axentes alquilantes utilízanse amplamente en química porque os grupos alquilo son un dos grupos máis comúns que se encontran nas moléculas orgánicas. Moitas moléculas diana biolóxicas ou os seus precursores sintéticos están compostas por unha cadea alquilo con grupos funcionais específicos nunha determinada orde. A alquilación selectiva, ou engadir partes á cadea cos grupos funcionais desexados, utilízase especialmente cando non hai ningún precursor biolóxico do que se poida dispoñer comunmente. A alquilación cun grupo alquilo dun só carbono denomínase metilación.
En contextos referentes á refinación do petróleo, a alquilación refírese a unha determinada alquilación de isobutano con olefinas. Para converter o bitume ou o petróleo pesado en cru sintético, a alquilación produce alquilato C7–C8 sintético, que é un produto para mesturar coa gasolina súper.[2]
En medicina, a alquilación de ADN utilízase en quimioterapia para danar o ADN de células cancerosas. A alquilación realízase cun tipo de fármacos chamados axentes alquilantes antineoplásticos.