escritora e activista polos dereitos da muller española From Wikipedia, the free encyclopedia
Amalia Domingo Soler, nada en Sevilla o 10 de novembro de 1835 e finada en Barcelona o 29 de abril de 1909, foi unha escritora e activista polos dereitos da muller. Está considerada unha importante figura do espiritismo español e da divulgación do mesmo. Traballou con diferentes médiums e publicou as comunicacións que recibían.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de novembro de 1835 Sevilla (España) |
Morte | 29 de abril de 1909 (73 anos) Barcelona (España) |
Lugar de sepultura | Camposanto de Montjuïc |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | escritora , médium (pt) , poetisa , novelista , editora literaria |
Membro de | |
Xénero artístico | Novela e poesía |
Movemento | Feminismo e espiritismo |
Lingua | Lingua castelá |
En Iberoamérica, España e Portugal é moi coñecida polo seu libro Memorias del padre Germán, ditado a un médium polo guía espiritual de Amalia, o padre Germán. Os seus escritos caracterízanse polo estilo poético e delicado.
Tamén se distinguiu pola súa fortaleza e valor en soportar os prexuízos da época sobre as mulleres, malia a súa saúde visual limitada.
Criouse na cidade de Sevilla. Daquela, España estaba gobernada por Isabel II, que subiu ao trono en 1833, coa súa nai, María Cristina, como rexente. A súa cidade natal era destino de moitas rutas de alén mar, cando as tropas de Napoleón invadiron España de 1808 a 1814. A situación crítica contribuíu a que España perdese gran parte das súas colonias americanas no comezo do século.
Pasou grandes dificultades xa dende nena. O seu pai morreu antes de ela nacer, e aos oito anos quedou case cega e foi parcialmente curada por un farmacéutico. Nesa etapa foi indispensábel a súa nai, pois os problemas visuais acompañárona toda a vida. Porén, grazas aos esforzos da proxenitora, entre os dous e os cinco anos aprendeu a ler e a escribir. Con dez anos empezou a escribir poesía e publicou aos dezaoito.
Cando tiña vinte e cinco anos morreu a súa nai. Entrou noutra etapa difícil, e dedicou os seus recursos financeiros ao seu delicado estado de saúde. Non estaba casada e as relacións coa familia paterna eran inestábeis. Familiares e amizades suxeríronlle ideas que ela rexeita: un matrimonio de conveniencia ou entrar nun convento. Finalmente, resolveu trasladarse a Madrid. Xa na capital en 1868, pasou por novas dificultades: non atopaba traballo, vivía na precariedade e recorría á caridade.
Coñecíanse moi poucos detalles sobre os anos previos ao seu contacto co espiritismo (máis aló do seu propio testemuño autobiográfico). Porén, na década de 2010 descubríronse multitude de datos inéditos. Entre outros, sóubose de colaboracións súas en xornais e revistas ou a súa estadía entre 1867 e 1868 en Tarragona, onde publicou o seu primeiro libro.[2]
Unha noite, mentres camiñaba, aparecéuselle a súa defunta nai. A visión espantouna, mais recuperou as esperanzas e Amalia lembrou a súa relixión. Buscou axuda nunha igrexa luterana, o que a impulsou a non darse por vencida e retomar a escritura. A vista volveulle causar angustia e buscou a axuda do médico homeópata Hysern, quen a sandou da cegueira.[Cómpre referencia] Este, malia declararse materialista, entregoulle un exemplar de El Criterio, xornal espiritista que circulaba na época.
Ese pequeno periódico espiritista espertou a súa curiosidade e, na busca de maiores esclarecementos, Amalia comezou a escribir para revistas espiritistas da época. Decidiu escribir unha poesía para El Criterio que non foi publicada, mais animou ao editor a enviarlle un exemplar de Preliminares del Espiritismo.
A súa primeira publicación, unha poesía, apareceu no xornal espiritista La Revelación. O seu primeiro artigo doutrinario, La fe espiritista, sae en 1872 no número 9 de El Criterio.[3] Os seus artigos chamaron a atención e Amalia integrouse aos poucos no movemento espiritista español, asistindo a reunións en casas espiritistas.
O 31 de marzo de 1875, aniversario da desencarnación de Allan Kardec, leu a poesía A la memoria de Allan Kardec ante os membros da Sociedad Espiritista Española. Pasou así a integrar as filas dos propagandistas da doutrina espiritista.
Permanece catro meses en Murcia coa comunidade espiritista en canto se recuperaba dunha doenza. Amalia cría firmemente que sería un erro vivir do espiritismo, así que seguiu a traballar de día mentres que escribía de noite. Permaneceu en Madrid até mudarse a Barcelona o 10 de agosto de 1876, convidada polo centro espiritista La Buena Nueva. Aloxouse na casa do seu adaíl, Lluís Llach, coa esperanza de atopar alí mellores condicións de traballo, xa entón unha cidade de grande actividade económica.[4]
O 9 de maio de 1879 aparecéuselle quen sería o seu guía espiritual, o padre Germán. En Barcelona atopouse cun médium somnámbulo, Eudaldo, quen recibiu varias mensaxes destinadas a Amalia. Moitas delas foron recompiladas no libro Memorias del padre Germán, publicado en partes a partir do 29 de abril de 1880. En 1891 Amalia escribe as súas Memorias baixo a orientación do padre Germán.[5]
O 22 de maio de 1879 Amalia publicou o primeiro número de La Luz del Porvenir, dirixido por ela mesma. Nese número saíu o artigo La idea de Dios que foi denunciado ás autoridades, o que provocou a suspensión do xornal por 42 semanas. Porén, non se intimidou e lanzou outra revista, El Eco de la Verdad, até que a revista suspendida puidese volver funcionar. Así, o xornal circulou despois dun decreto do rei Afonso XII. Ao ser o catolicismo a relixión oficial de España, reaccionaba ante calquera movemento que puidese ocupar a súa posición.
Amalia escribiu para varios xornais, entre eles, La Idea de Dios, El Criterio, El Espiritismo, Gaceta de Cataluña, Revista de Estudios Psicológicos e La Revelación. Deixoulle un gran legado ao movemento espiritista español e mundial.
Finou aos 73 anos por causa dunha broncopneumonía. O seu enterro civil tivo lugar no cemiterio de Montjuïc, en Barcelona.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.