From Wikipedia, the free encyclopedia
Os angolares son un pobo ou grupo étnico de San Tomé e Príncipe.
Son o segundo maior grupo étnico do país por detrás dos forros.[1] O censo de 1950 revelou a existencia de 4.490 angolares, mais hoxe son sobre 10.000.[2] Son os únicos africanos non mesturados do arquipélago.[3] Viven xeralmente da pesca e están establecidos ao longo do litoral ao nordés e sur da illa de San Tomé, entre São João dos Angolares e Porto Alegre. Viviron moito tempo separados doutras poboacións e a súa identidade cultural (angolaridade) é forte, marcada pola historia que lles da unha imaxe de valentes, resistentes e incluso temibles.
Son os descendentes directos de escravos orixinarios de Angola, pero as circunstancias da súa chegada seguen sendo incertas. Segundo a versión difundida polas autoridades coloniais, os primeiros en chegar foron os superviventes dun naufraxio entre 1540 e 1550 dun barco que transportaba uns 800 escravos con destino ao Brasil.[4]
Establecidos nunha rexión montañosa, non se falará dos superviventes até 1574. A continuación levaron a cabo unha serie de accións violentas contra os colonos, sobre todo baixo a influencia dun líder carismático, Amador, que se proclamou "rei dos Angolares", durante a revolta dos Angolares. Os angolares fixéronse amos efectivos da illa entre 1595 e 1596, pero os portugueses conseguiron capturar a Amador. Os seus partidarios continuaron a loita até o século XIX.
Outra versión sostén que os angolares eran escravos que fuxiron dos seus donos sobre o ano 1470, cando os portugueses descubriron as illas de San Tomé e Príncipe, e que crearon o seu propio país libre nas illas, chamado Quilombo ou Kilombo. Este nome deriva de kimbundo (unha das linguas bantús máis faladas de Angola) e pode significar asentamento, reino, poboación e unión. Un Kilombo era unha nación independente, creada por escravos africanos que loitaron contra a escravitude e se liberaron dela. Estaban localizados, xeralmente, en zonas de densa vexetación, lonxe das plantacións.
Unha terceira versión é a de que os angolares eran africanos que migraron dende o continente cara a San Tomé e Príncipe moito antes de que os portugueses chegaran ás illas. Así con todo, o máis aceptado é que a historia dos angolares e o seu reinado sobre San Tomé e Príncipe son parte dunha historia de autodeterminación e independencia liderada polo rei Amador.
A cultura dos angolares é rica en contos,[5][6] e cantos tradicionais, que se cre que foron influenciados pola tradición bantú.[7] Falan angolar (ou ngola), unha lingua crioula, baseada no portugués.
A pesca xoga un papel central. Os angolares sérvense de dongos, caiucos tallados de madeira da árbore do algodón vermello ou de moreira.[3] As mulleres son as encargadas da transformación e comercialización dos produtos da pesca. Tamén crían cabras e venden teas e outros artigos.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.