Asparagales
orde de plantas anxiospermas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Asparagales é unha orde de plantas anxiospermas utilizada en sistemas de clasificación modernos como o sistema de clasificación APG III do ano 2009[3] e o APWeb,[4] que comprende polo menos a familia Asparagaceae. Asparagales é unha orde que se recoñeceu moi recentemente nos sistemas de clasificación e moitas das súas familias pertencían á antiga orde Liliales. Liliales fora unha orde moi ampla na cal se situaban todas as monocotiledóneas de tépalos vistosos e sen amidón no endosperma, que fora difícil de dividir en familias porque os seus caracteres morfolóxicos non aparecían en padróns que delimitasen claramente grupos. Co tempo empezouse a recoñecer a orde Asparagales, especialmente cando as análises moleculares de ADN indicaron que Liliales debía ser dividida polo menos en Liliales, Asparagales e Dioscoreales. Asparagales é unha orde bastante grande, consta de 14 familias e unhas 26 000 especies. Aínda que a orde está claramente circunscrita baseándose nas análises de secuencias de ADN pero é dificultosa de definir morfoloxicamente, xa que é un dos grupos de monocotiledóneas estruturalmente máis diverso. Así, a orde inclúe desde plantas herbáceas de non máis de 15 cm ata algunhas especies de Agave que superan os 10 m de altura. Nestes sentido, a súa separación da orde Liliales é particularmente problemática.
Asparagales | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Camassia cusickii. | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Familias | |||||||||
sensu APG III (2009),[1] números de familia asignados segundo o Lineal APG III (LAPG III 2009)[2] |
Unha das características que definen esta orde, e posible apomorfía (ademais dos datos moleculares), é a presenza de fitomelanina, un pigmento escuro presente nas cubertas das sementes. As fitomelaninas encóntranse na maioría das familias de Asparagales, pero perdéronse aparentemente nalgúns taxons, e o exemplo máis salientable nese aspecto é Orchidaceae.
A maioría das especies de Asparagales son plantas herbáceas perennes, aínda que hai algúns exemplos de plantas gabeadoras (certas especies de Asparagus, subfamilia Asparagoideae) e leñosas (algúns Aloe, subfamilia Asphodeloideae). Case todas as especies desta orde producen unha roseta apertada de follas na base das plantas (son "plantas en roseta"), outras levan esa mesma disposición de follas no extremo dun tronco (Yucca), e nuns poucos casos as follas aparecen ao longo do talo. As flores frecuentemente están no extremo do talo.
Dentro das monocotiledóneas e desde o punto de vista económico, a orde Asparagales é a segunda en importancia despois da orde Poales (a cal comprende os pastos e os cereais). A orde contén moitas especies de importancia hortícola (cebola, allo, espárrago, porro), en floricultura (Freesia, gladíolo, iris, moitas orquídeas), xardinería (Hemerocallis, Convallaria, Agapanthus) e especias (vainilla).
Desde o punto de vista da súa taxonomía, Asparagales é unha orde suxerida por Huber (1977),[5] logo adoptado por Dahlgren et al. (1985),[6] e reafianzada en 1998 polo Grupo de Filoxenia das Anxiospermas (en inglés orixinal, "Angiosperm Phylogeny Group", siglas APG),[7] retomado no 2003 polo APG II,[8] e en 2009 polo APG III),[1] e tamén polo APWeb (2001 ata agora).[4] Porén, as delimitacións das familias de Asparagales sufriron unha serie de mudanzas en anos recentes, e aínda se necesitan máis estudos para que se estabilice a súa circunscrición e as súas relacións.