Orquídea
From Wikipedia, the free encyclopedia
As orquídeas ou orquidáceas (nome científico Orchidaceae) son unha familia de plantas monocotiledóneas que se distinguen pola complexidade das súas flores e polas súas interaccións ecolóxicas cos axentes polinizadores e cos fungos cos que forman micorrizas.
Orchidaceae | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Flores de catro especies de orquídeas: Phalaenopsis hieroglyphica (arriba, esquerda) Ophrys tenthredinifera (arriba, dereita) Paphiopedilum concolor (abaixo, esquerda) Maxillaria tenuifolia (abaixo, dereita). | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Distribución da familia Orchidaceae | |||||||||||
Subfamilias | |||||||||||
|
A familia comprende aproximadamente 25.000 (algunhas fontes informan de 30.000) especies, e quizais outros 60.000 híbridos e variedades producidas polos horticultores, polo que resulta ser unha das familias con maior riqueza de especies entre as anxiospermas. Poden ser recoñecidas polas súas flores de simetría fortemente bilateral, nas que a peza media do verticilo interno de tépalos -chamada labelo- está profundamente modificada, e o ou os estames están fusionados ó estilo, polo menos na base.[1]
As orquídeas constitúen un grupo extremadamente diverso de plantas, que poden ter desde uns poucos milímetros de lonxitude (certas especies dos xéneros Bulbophyllum e Platystele) até constituír xigantescas agregacións de varios centos de quilogramos de peso (algunhas especies de Grammatophyllum) ou presentar lonxitudes de até 13,4 m, como é o caso de Sobralia altissima, unha orquídea recentemente descrita en 1999 no Perú.[2][3] Do mesmo xeito, as flores das orquídeas varían en tamaño desde menos de 1 mm e dificilmente visibles dunha ollada (Platystele) pasando polas grandes flores de 15 a 20 cm de diámetro en moitas especies dos xéneros Paphiopedilum, Phragmipedium e Cattleya até os 76 cm das flores de Phragmipedium caudatum. A fragrancia das súas flores non é menos variable, desde o delicado aroma de Cattleya até o repulsivo fedor das flores de certas especies de Bulbophyllum .[3]
Atópanse na maior parte do mundo, aínda que son especialmente abundantes nos trópicos. No entanto, a súa capacidade de adaptación permitiulles conquistar un gran número de nichos ecolóxicos, desde os máis secos e quentes do planeta até os máis húmidos e fríos xa que, literalmente, distribúense desde as rexións polares até o ecuador.[3]
A familia foi recoñecida polos sistemas clásicos de clasificación de plantas, como o sistema de Cronquist,[4] así como polos máis modernos, como o sistema de clasificación APG II e o sistema de clasificación APG III.[5]<[6]