numismático e historiador austríaco From Wikipedia, the free encyclopedia
August Oktavian Ritter von Loehr, máis coñecido como August Loehr,[2] nado en Viena o 31 de marzo de 1882 e finado na mesma cidade o 11 de xullo de 1965, foi un numismático austríaco especialista na historia da moeda e do diñeiro, que dirixiu o Gabinete Numismático de Viena.[3]
August Loehr [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de marzo de 1882 Viena, Austria |
Morte | 11 de xullo de 1965. Viena. Austria. |
Lugar de sepultura | Cemiterio evanxélico Matzleinsdorfer. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Austríaca |
Educación | Universidade de Viena |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, historia e museoloxía. |
Ocupación | Historiador da economía , profesor universitario , numismático |
Empregador | Universidade de Viena |
Membro de | |
Premios | |
(1959): Medalla Eckhel (ÖNG). |
August Loehr naceu en Viena o 31 de marzo de 1882, fillo do numismático e enxeñeiro ferroviario August Loehr (1847-1917) e de Josefa Maria Fail (1854-1937).[4][5][6]
Logo de cursar o ensino secundario na escola pública beneditina Stiftsgymnasium Seitenstetten en Seitenstetten, na Baixa Saxonia, en 1900 iniciou os seus estudos universitarios de Historia, Xeografía e Historia da Arte nas Universidades de Viena, Heidelberg e Grenoble. Posteriormente, entre 1903 e 1905 desenvolveu un traballo de investigación no Instituto de Investigación Histórica de Austria, da Universidade de Viena, e ese último ano acadou o grao de doutor logo da presentación dunha tese sobre o comercio medieval no Danubio titulada Die Schiffahrt im Donaugebiet bis zum Ende des 14. Jahrhunderts, baixo a dirección de Oswald Redlich (1858-1944).[5][7] No curso 1905-1906 desprazouse ao Instituto Austríaco en Roma e en 1911 completou os seus estudos en Dereito e Economía na Universidade de Viena.[4][6][8]
En 1906 comezou a traballar no Gabinete Numismático de Viena, do cal foi nomeado director en 1913.[6] Nesta institución achegou unha nova perspectiva ao estudo da moeda, afastándose do tradicional descritivismo e proporcionando un enfoque máis integrador coa historia cultural e económica. Durante este período realizou diversas viaxes por Europa para coñecer os gabinetes numismáticos máis importantes do continente e incorporar melloras na organización do gabinete vienés.[4][8] Desde ese posto, Loehr xogou un importante papel como asesor científico na reclamación ante os tribunais internacionais, por parte do Estado Austríaco, do patrimonio artístico proveniente da Casa de Habsburgo-Lorena logo da súa deposición en 1918, pola derrota na primeira guerra mundial.[5]
En 1938 o Anschluss fixo que Loehr fose destituído do seu cargo no Gabinete, o que o obrigou a retirarse o día 31 de xullo. A partir deste suceso dedicouse pola súa conta á investigación numismática non só en Viena, senón tamén en Londres, Frankfurt, Colonia e Berlín, aínda que con escaseza de medios. Mais en 1943 foi reincorporado como contratado laboral e o 16 de abril de 1945 foi restituído como director do gabinete e, simultaneamente, como director do Museo de Historia da Arte (Kunsthistorischen Museum), no que se encadra o gabinete, postos que desenvolveu ata 1948 e 1949, respectivamente.[4][8] En 1949 foi nomeado tamén Director Xeral das Coleccións de Historia Cultural do Goberno Federal de Viena, ata a súa xubilación o 31 de decembro dese mesmo ano.[5][6]
Paralelamente á súa dedicación ao Gabinete Numismático de Viena e ao Museo de Historia da Arte, August Loehr foi nomeado en 1929 profesor honorario da cátedra de Numismática e Historia Monetaria, que se acababa de crear na Facultade de Filosofía da Universidade de Viena. Tamén foi elixido en 1933 membro correspondente en Alemaña da Academia Austríaca de Ciencias. Porén, en 1939 viuse obrigado a dimitir tanto deste posto como da súa cátedra universitaria, por cuestións raciais a raíz do Anschluss. Posteriormente, en 1945 reingresou en ambas as institucións con restitución dos seus cargos.[4][5][6] Como profesor universitario retirouse en 1957, ao facer os 75 anos.[8]
Loehr xogou un papel decisivo na creación do Museo de Cultura Austríaca en Hofburg. Tamén foi asesor de numismática, museoloxía e monumentos económico-históricos no Departamento para a Protección de Edificios e Monumentos Históricos. En 1949 foi un dos fundadores da Federación de Sociedades de Historia de Austria, da que foi elixido presidente honorario en 1961.[4][6][8]
Entre outras entidades académicas e asociativas, Loehr foi membro da Sociedade Numismática Austríaca desde 1907 e presidente da Comisión Internacional de Numismática desde 1950.[6]
August Loehr morreu no Palacio de Schönbrunn en Viena, o 11 de xullo de 1965.[5] Foi soterrado no cemiterio evanxélico Matzleinsdorfer.[6]
August Loehr é autor de máis dun cento de artigos en diversas revistas históricas e numismáticas da súa época.[10] Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos publicados por Loehr ao longo da súa carreira, algúns deles como separata, logo da publicación como artigo dunha revista.[11][12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.