Avespa parasitoide
From Wikipedia, the free encyclopedia
As avespas parasitoides son un gran grupo de superfamilias de himenópteros, todas pertencentes á suborde Apocrita, excepto a superfamilia Orussoidea. Como parasitoides que son, poñen os seus ovos sobre ou dentro dos corpos doutros artrópodos, causando máis cedo ou máis tarde a morte destes hóspedes. As diferentes especies de avespas parasitoides especialízanse en ter como hóspedes insectos de certas ordes, principalmente da orde Lepidoptera, aínda que tamén algunhas seleccionan Coleoptera, Diptera, ou Hemiptera; as avespas das arañas (Pompilidae) atacan exclusivamente arañas.
As especies de avespas parasitoides diferéncianse na fase do ciclo vital do hóspede que atacan: ovos, larvas, pupas ou adultos. Principalmente seguen unha das dúas grandes estratexias que podemos encontrar no parasitismo: son endoparasitas, desenvolvéndose no interior do hóspede e sendo coinobiontes, deixando que o hóspede siga alimentándose, desenvolvéndose ou mudando; ou ben son ectoparasitas, desenvolvéndose fóra do hóspede e sendo idiobiontes, paralizando o hóspede inmediatamente. Algunhas avespas endoparasitas da superfamilia Ichneumonoidea teñen unha relación mutualista con polidnavirus, na que estes virus suprimen as defensas inmunitarias do hóspede.[1]
O parasitoidismo evolucionou só unha vez en Hymenoptera, durante o Permiano, orixinando un só clado, pero o estilo de vida parasito perdeuse secundariamente varias veces incuíndo nas formigas, abellas e véspidos. Como resultado, a orde Hymenoptera contén moitas familias de parasitoides, mesturadas con grupos non parasitoides. As avespas parasitoides comprenden varios grandes grupos e segundo algunhas estimacións os Chalcidoidea teñen 500.000 especies, os Ichneumonidae 100.000 especies e os Braconidae 50.000 especies. Nos insectos hóspede evolucionaron un conxunto de defensas contra as avespas parasitoides, como agocharse, retorcerse ou ter marcas de camuflaxe.
Moitas avespas parasitoides considéranse beneficiosas para os humanos porque controlan de forma natural as pragas agrícolas. Algunhas son aplicadas comercialmente no control biolóxico de pragas, que empezou na década de 1920 co uso de Encarsia formosa para controlar as moscas brancas aleiroideas en invernadoiros. Historicamente o parasitoidismo en avespas influíu no pensamenteo de Charles Darwin.[2]