BTS (grupo musical)
grupo musical surcoreano / From Wikipedia, the free encyclopedia
BTS (en hangul: 방탄소년단, romanización revisada: Bangtan Sonyeondan), é un grupo de K-pop surcoreano formado por Big Hit Entertainment. Está composto por sete integrantes: Jin, Suga, J-Hope, RM, Jimin, V e Jungkook. Debutaron o 13 de xuño de 2013 coa canción «No More Dream» incluída no seu primeiro álbum sinxelo 2 Cool 4 Skool. O seu debut no Xapón produciuse coa versión en xaponés de «No More Dream» o 4 de xuño de 2014. O nome do club de fans oficial é A.R.M.Y, acrónimo de «Adorable Representative MC for Youth».
BTS | |
---|---|
BTS en 2018. | |
Orixe | Seúl, Corea do Sur |
Período | 2013 - presente |
Xénero(s) | K-pop, hip hop,[1] R&B e EDM |
Selo(s) discográfico(s) | |
Membros | |
Na rede | |
Páxina oficial | |
|
Este artigo amosa escritos coreanos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Até 2018, o grupo publicou tres álbums de estudio, cinco EPs, vinte e dous sinxelos e dous álbums recompilatorios en Corea do Sur. Ademais, publicaron tres álbums de estudio, oito sinxelos e dous álbums recompilatorios no Xapón. O seu segundo álbum, Wings, bateu a marca do álbum surcoreano mellor situado en Billboard 200, entrando no número 26, e coa súa reedición, You Never Walk Alone, convertéronse nos artistas coreanos con máis entradas na lista con catro álbums.[4][5] Ostentan tamén a marca de maior número de semanas no número un do Billboard World Albums e de maior número de semanas na lista. Wings converteunos tamén nos primeiros artistas surcoreanos en entrar na lista de álbums do Reino Unido, Official Charts Company, no número 62, e nos únicos en entrar no Billboard Canadian Albums dúas veces, coa mellor posición no posto 19.[6] No Xapón chegaron ao número un da lista Oricon nas categorías de sinxelo e álbum, converténdose nos primeiros artistas hip-hop estranxeiros en conseguilo.[7] Ademais, co sinxelo «Blood Sweat & Tears (Japanese Version)» bateron a marca do artista estranxeiro que máis rápido conseguiu vender 200 000 copias dun disco desde o seu debut.[8] O seu quinto EP, Love Yourself: Her, debutou no sétimo posto da lista Billboard 200, sendo a maior posición obtida por un artista asiático na historia.[9]
BTS recibiu cinco premios ao mellor artista novo en Corea do Sur, incluído o premio "New Artist of the Year" dos Melon Music Awards de 2013, ademais de dous premios a mellor artista novo no Xapón e un na China.[10][11][12] En 2016 recibiron o premio daesang ao "Artista do ano" nos Mnet Asian Music Awards e o premio ao "Mellor álbum do ano" nos Melon Music Awards por The Most Beautiful Moment in Life: Young Forever.[13] A súa popularidade internacional e a súa presenza nas redes sociais levounos a ser en 2017 o primeiro grupo k-pop en ser nomeados e recibir un premio Billboard Music Award, en concreto na categoría "Top Social Artist" .[14] En 2015 recibiron tamén un MTV Europe Music Award como mellor artista coreano e un nomeamento como mellor artista asiático.[15]
Levaron a cabo cinco xiras como artistas en solitario: dúas xiras mundiais, dúas en Asia e unha no Xapón, atraendo a máis de 600 000 espectadores e actuando en Asia, Oceanía, Norteamérica e América do Sur. Tamén participaron en festivais internacionais como Summer Sonic en 2015 e nas edicións do KCON dos Ánxeles Abu Dhabi, París, Nova York en 2014; Os Ánxeles en 2016; México en 2017.[16][17]