Biotecnoloxía
tecnoloxía baseada na bioloxía / From Wikipedia, the free encyclopedia
A biotecnoloxía[1] é a tecnoloxía baseada na bioloxía, especialmente usada en agricultura, farmacia, ciencia dos alimentos, ciencias forestais e medicina. Desenvólvese nun enfoque multidisciplinario que involucra varias disciplinas e ciencias como bioloxía, bioquímica, xenética, viroloxía, agronomía, enxeñería, física, química, medicina e veterinaria entre outras. Ten gran repercusión na farmacia, a medicina, a microbioloxía, a ciencia dos alimentos, a minería e a agricultura entre outros campos.
Probablemente o primeiro que usou este termo foi o enxeñeiro húngaro Karl Ereki, en 1919, quen a introduciu no seu libro Biotechnologie der Fleisch-, Fett- und Milcherzeugung im landwirtschaftlichen Grossbetriebe (Biotecnoloxía na produción cárnica e láctea dunha grande explotación agropecuaria).[2][3]
Segundo o Convenio sobre Diversidade Biolóxica de 1992, a biotecnoloxía podería definirse como "toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados para a creación ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos".[4][5]
O Protocolo de Cartaxena sobre Seguridade da Biotecnoloxía do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica [6] define a biotecnoloxía moderna como a aplicación de:
- Técnicas in vitro de ácido nucleico, incluídos o ácido desoxirribonucleico (ADN) recombinante e a inxección directa de ácido nucleico en células ou orgánulos.
- A fusión de células máis aló da familia taxonómica que superan as barreiras fisiolóxicas naturais da reprodución ou da recombinación e que non son técnicas utilizadas na reprodución e selección tradicional.