especie de planta From Wikipedia, the free encyclopedia
A caneleira[2] (Cinnamomum zeylanicum ou Cinnamomum verum) é unha árbore tropical da familia das lauráceas. Ten a folla perenne, duns 10–15 m; é orixinaria da Sri Lanka (antiga Ceilán). Aprovéitase como especia a súa codia interna desecada, chamada canela verdadeira, extraída pelando as pólas e se emprega en rama ou moída (en po).
Caneleira | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Follaxe e flores da caneleira (C. verum) | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Cinnamomum verum' J.Presl | |||||||||||||||
Sinonimia[1] | |||||||||||||||
|
O nome da caneleira/canela podería derivar do vocábulo grego kínamon, mais probabelmente veña do vello francés canele, e este do italiano cannella, diminutivo de canna (cana), pola forma de cana que toma a casca seca da caneleira[3].
Na actualidade cultívase ademais da Sri Lanka, na India, no sur da China, Madagascar e no Brasil.
Require un clima quente e húmido, cunha temperatura media anual entre 24 e 30 °C e unha precipitación entre 2.000 e 4.000 mm anuais ben distribuídos durante todo o ano, condicións que se atopan en altitudes entre 0 e 600 msnm. As mellores plantacións medran en terreos chuviosos, de textura areenta e lamacenta, fondos, con alto contido en materia orgánica e excelente drenaxe. Un chan moi lamacento limitaría o crecemento da planta e esta produciría unha casca de baixa calidade.
Trátase dunha árbore duns 10 metros de altura mais que cultivada adoita ser máis miúda, tomando forma de arbusto sempre verde. A casca, a parte produtivamente máis importante, é marrón cinsenta e ten un ciclo perenne. O seu talo é de consistencia lígnea. As follas son duns 7-25 × 3–8 cm, teñen forma ovalada e rematadas en punta, de cor verde e brillantes pola face con cinco nervios avermellados, un medial e dous por cada banda arqueados que converxen na base e o ápice, e outro conxunto de nervios que forman un ángulo recto con este; o pecíolo é duns 10 – 20 mm, robusto, cunha sinuosa forma cóncava. As súas flores son hermafroditas (contén o androceo e xineceo na mesma flor), de cor branca ou amarela verdoso e recubertas de pelos, bracteadas e actinomorfas. O perianto é indiferenciado, formado por seis tépalos libres. O xineceo é bi-carpelar e o seu androceo está formado por 9 + 3 estames distribuídos en 3 ou 4 verticilos, que cando se produce a dehiscencia das anteras o fai polo vento. As flores, duns 0,5 cm, agrúpanse en panículas que nacen na axila da folla ou tamén na parte terminal e chegan a ter unha lonxitude semellante á das follas. O froito é unha baga longa elipsoidal duns 12,5 cm de cor moi escura, azulada-negra, cunha única semente no seu interior. Reprodúcese das sementes que contén a baga e tamén por multiplicación vexetativa.
Cinnamodendron verum foi descrita por Jan Svatopluk Presl e publicado en O Prirozenosti rostlin, aneb rostlinar 2(2): 36, 37–44. 1825.[4]
Cinnamomum: nome xenérico que provén do grego Kinnamon o Kinnamomon, que significa madeira doce. Este termo grego probabelmente provén do hebraico quinamom, o cal ten orixe nunha versión anterior ao termo Kayu manis, que na linguaxe de Malaisia e Indonesia tamén quere dicir madeira doce.
Verum: epíteto que fai referencia á especie que provén do Ceilán, a auténtica e a que máis se comercializa, xa que é a que se considera de mellor calidade, e
Zeylanicum fai referencia ao nome do lugar de orixe Ceilán (Sri Lanka). É mencionada na Biblia como especia aromática moi apreciada.[5]
A palabra galega canela pode vir do francés cannelle, forma, igual que en galego, diminutiva de canne (cana) que designou a partir do século XVI á cana de azucre.
|
|
Moída emprégase nas sobremesas, pasteis, doces etc.; e en rama emprégase para adornar e sazonar algúns pratos. Non obstante, o seu uso máis estendido está no famoso té de canela, producido ao ferver as pólas da canela en auga ata obter a infusión, engadindo azucre.
O uso do té de canela, está moi estendido en México e nas zonas de influencia mexicana, como o sur dos Estados Unidos e América Central, chegando a competir con outras bebidas quentes, como o café e o chocolate. Cómpre resaltar que o té se prepara coa variedade de Sri Lanka.
Tamén é un ingrediente de moitas salsas, curri e outros pratos de oriente, onde se empregan as variedades de Sri Lanka e a China, ademais do po e as follas do caneleiro.
A canela é empregada dende a antigüidade na España rural para inducir o sono ós nenos, tanto en infusións como fumado. Foi un relaxante que empregaban as nais rurais para durmir ós nenos á hora de ir traballar ao campo. Tamén foi común o seu uso nas mulleres cando tiñan atrasos na menstruación.
Outros dos beneficios medicinais que proporciona a canela é que cando existen abrasións na lingua por comer ou tomar cousas quentes, a barra de canela serve para sedar a dor e cicatrizar as papilas gustativas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.