Carbón vexetal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O carbón vexetal é un material que se obtén da queima ou carbonización da madeira; após este proceso a madeira dá como resultado unha substancia negra. Na vida cotiá, o carbón vexetal emprégase como combustible para quentadores, lareiras, grellas e cociñas de leña, ademais de abastecer a algúns sectores industriais, como as siderurxias. O carbón vexetal tamén se usa en medicina, neste caso chamado carbón activado procedente de certas madeiras brandas e non resinosas.
O maior produtor do mundo é o Brasil, con preto do 12% da produción mundial. Segundo a Pesquisa de Extração Vegetal e e Silvicultura (IBGE, 2016),[1] en 2015 a produción de carbón vexetal brasileiro foi de 6.187.311 toneladas, das cales o 87,1% procedía da silvicultura e o 12,9% da extracción vexetal. Os principais estados produtores de carbón vexetal a partir do extractivismo foron Maranhão (229.318 toneladas), Piauí (154.855 toneladas), Bahia (102.994 toneladas), Mato Grosso do Sul (100.072 toneladas) e Tocantins (70.156 toneladas). Minas Gerais, o principal estado produtor de carbón vexetal procedente das plantacións, achegou o 82,8% deste produto, seguido de Maranhão (9,8%) e Bahia (2,1%). En conxunto, foron responsábeis do 94,7% do importe nacional. Da produción de carbón vexetal procedente da silvicultura, o 98,8% procedeu da plantación de eucaliptos -destacou Mato Grosso do Sul como o maior produtor de carbón vexetal de pinus, e Rio Grande do Sul, como o que máis usou outras especies forestais para a produción de carbón.