Casaquistania
From Wikipedia, the free encyclopedia
Casaquistania, Kazhakhstania, terreos casacos, bloque de Casaquistán ou bloque de Kazakhstán é unha rexión xeolóxica de Asia central que comprende a área centrada no lago Balkhash, norte e leste do mar de Aral, sur do cratón siberiano e oeste dos Montes Altai. A cunca de Junggar en Xinjiang, China, tamén formaba parte de Casaquistania, aínda que ás veces se denomina bloque de Junggar. Como os terreos casacos se orixinaron durante o Ordovícico tardio como parte do cinto oroxénico de Asia central tamén se denominan oróxeno casaco. Estes terreos xeolóxicos están localizados no que hoxe é Casaquistán, o nordés de Uzbekistán, o norte de Kirguizistán e o noroeste da China.[1] Hoxe Casaquistania está rodeada de tres grandes continentes antigos: no noroeste a zona de cizalla de Gornostaev sepáraa do cratón de Siberia co cal chocou durante o Carbonífero; ao noroeste están as terras do que foi Báltica, que se sitúa a carón do terreo xeolóxico casaco do val de Turgai, pero lonxe de Casaquistania; ao sur e leste estaba Gondwana que se estendía desde o polo sur ao ecuador. Non lonxe dos dispersos terreos casacos estaban os cratóns do sur da China, norte da China, e do Tarim, pero non se coñece como estaban situados eses bloques continentais en relación a Gondwana.[2]