Castro da Lanzada
poboado fortificado en Noalla, Sanxenxo / From Wikipedia, the free encyclopedia
O castro da Lanzada é un poboado castrexo orixinario do século VIII a.C.. Contén unha necrópole que foi utilizada ata os séculos III - IV d.C.
Castro da Lanzada | |
---|---|
Parroquia | Noalla |
Concello | Sanxenxo |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galiza |
Id. catálogo | GA36051011 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | século VIII a.C. cunha necrópole III - IV d.C. |
Períodos de escavación | 1950, 1970, 1983 e 2010 |
Extensión estimada | 0,9 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galiza |
Está situado na parroquia de Noalla (Sanxenxo), e asenta sobre a base dunha punta que se introduce no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval, coñecida como a torre da Lanzada. No extremo máis occidental érguese a capela da Nosa Señora da Lanzada.
O castro foi escavado por vez primeira na década de 1950 polo Museo de Pontevedra e da man de Filgueira Valverde, e desde entón foi obxecto de sucesivas escavacións (nos anos 70, por Francisco Fariña Busto, e no ano 1983, por de la Peña Santos) ata a reanudación da súa recuperación no verán de 2010. Nesta última ocasión o director do proxecto foi o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Mª Rodríguez Martínez coa colaboración do Laboratorio de Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Ó estar cuberto de area, menos agresiva cá terra para os restos orgánicos, está ben conservado, o que non impediu a súa destrución parcial para levanta-la ponte que une o promontorio co illote inmediato ou a consecuencia de construcións modernas. A propia capela da Lanzada está levantada sobre restos do castro. En calquera caso, trala última intervención de 2010 só se accedeu ata o nivel correspondente ó século II a.C, estimando que aínda quedan uns 2-3 metros por escavar. Así mesmo, a superficie estudada é só unha pequena parte dos arredor de 9.000 m² que se estiman ocupados.