Códice Calixtino
manuscrito ilustrado do século XII conservado na Catedral de Santiago de Compostela / From Wikipedia, the free encyclopedia
O códice miniado, coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou, máis comunmente, como Códice Calixtino, é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do papa Calisto II. É o libro referencial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática.[1]
- Este artigo trata sobre o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, para o libro de poemas de Luz Pozo Garza véxase Códice Calixtino.
O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na catedral de Santiago de Compostela e é unha copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase no presente en Barcelona.
Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En 2010 publicouse a primeira tradución íntegra ó galego, da man de Xosé López Díaz, editada por Xosé Fernández Puga, director d'A Nosa Terra e ilustrada por Francisco Leiro,[2][3] se ben xa se realizaran outras traducións parciais do libro anteriormente, como a editada pola editorial Xerais co gallo do Xacobeo do ano 1993 e que consistía nunha tradución ao galego do Libro V e se ocupaba da parte referida á peregrinación e da cal se lanzaron dúas edicións, mais foi descatalogada no 2008 pola editorial.[4]
O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Pita. Após o alzamento militar de 1936, as láminas das súas miniaturas foron salvadas da destrución polo eclesiástico Xesús Carro quen, empregando a súa sotana como salvoconduto, conseguiu trasladadas desde a imprenta do Seminario de Estudos Galegos a un lugar seguro.[5] O códice foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.
O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. O martes, día 5 de xullo foi cando os responsables do libro se decataron da súa falta. Foi recuperado un ano despois en bo estado de conservación.