Célula intersticial de Cajal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A célula intersticial de Cajal (CIC, ou, en inglés, ICC) é un tipo de célula intersticial que se encontra na túnica muscular do tracto gastrointestinal, da cal hai varios tipos con diferentes funcións. Estas células reciben o seu nome polo médico e premio Nobel aragonés Santiago Ramón y Cajal, que as describiu.[2]
As células intersticiais mientéricas de Cajal serven como marcadoras do ritmo co que se crea o potencial de onda lenta bioeléctrico que orixina a contracción do músculo liso, como se demostrou no intestino de rato.[3][4]
As células intersticiais intramusculares de Cajal están implicadas na estimulación de células musculares lisas, e os neurotransmisores actúan a través delas.[5] Estudos morfolóxicos demostraron que a neurotransmisión motora no tracto gastrointestinal ocorre por medio de sinapses especializadas entre as terminais nerviosas entéricas e as CICs intramusculares. Certas canles de cloruro activadas por calcio xogan un importante papel na regulación das CIC humanas gastrointestinais, especialmente a canle ANO1 de anoctamina.[6] Un estudo recente sinalou que o carbacol incrementa a actividade das CIC a través desta canle.[6][7] Os ratos knockout para ANO1 non poden producir as ondas lentas e os inhibidores da canle ANO1 en humanos bloquean a produción da onda lenta.[6]
Sábese que moitos tipos de tecidos musculares lisos conteñen CICs, pero con poucas excepcións a función destas células non se coñece e actualmente é unha área en activa investigación.