Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos
edificio que alberga as reservas de ouro dos Estados Unidos / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Depósito de Metais Pramieciosos dos Estados Unidos (en inglés: United States Bullion Depository), coñecido tamén como Fort Knox, é un edificio acoirazado e fortificado situado xunto ao posto do Exército dos Estados Unidos de Fort Knox, Kentucky. Está xestionado polo Departamento do Tesouro estadounidense e funciona como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos. A cámara acoirazada utilízase para almacenar unha gran parte das reservas de ouro do país, así como outros obxectos de particular valor económico ou histórico que pertencen ao Goberno federal ou están baixo a súa custodia. O edificio alberga aproximadamente 147 millóns de onzas troy (4.580 toneladas métricas) de lingotes e barras de ouro, algo máis da metade do total deste metal posuído polo Goberno federal.[2] A Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos protexe o depósito.
Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos –United States Bullion Depository– –Fort Knox Bullion Depository– | |
---|---|
Logotipo do Departamento do Tesouro | |
Edificio do Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos | |
Tipo | Unidade do Departamento do Tesouro |
Fundación | 1936 |
Fundador | Goberno dos Estados Unidos. |
Industria | Depósito de metais preciosos e obxectos históricos e valiosos. |
[ editar datos en Wikidata ] |
Edificio de Fort Knox | |
---|---|
Presentación | |
Localización | Fort Knox, Kentucky Estados Unidos |
Coordenadas | 37°52′59.88″N 85°57′55.08″O |
Estrutura | Formigón revestido de aceiro. |
Estilo | Art Déco. |
Propietario | Goberno dos Estados Unidos. |
Declaración | Rexistro Nacional de Lugares Históricos Nº 88000056 (18 de febreiro de 1988.)[1] |
Construción | |
Data da construción | 1936 |
Dimensións | |
Altura | 13 m. |
Lonxitude | 32 m. |
Pisos | 2. |
Superficie | 17 hectáreas. |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Louis A. Simon. |
Enxeñeiro de servizos | Neal A. Melick. |
Contratista | Great Lakes Construction |
O Tesouro construíu estas instalacións en 1936 nuns terreos que lle transferiu o Exército. O seu propósito era albergar o ouro que ata daquela se estaba a almacenar en Nova York e na Casa da Moeda de Filadelfia, no marco dunha estratexia para arredar as reservas de ouro das cidades costeiras e situalas en zonas menos vulnerables a ataques militares estranxeiros. A primeira serie de envíos de ouro ao depósito produciuse durante o primeiro semestre de 1937, e en 1941 completouse unha segunda serie. Estes envíos, supervisados polo Servizo Postal dos Estados Unidos, totalizaron aproximadamente 417 millóns de onzas troy (12.960 toneladas), case dous terzos do total das reservas de ouro dos Estados Unidos.
Durante a segunda guerra mundial gardáronse na súa cámara acoirazada, para a súa protección, a Constitución orixinal asinada dos Estados Unidos, a Declaración de Independencia, os Artigos da Confederación, o segundo discurso inaugural de Abraham Lincoln e borradores do Discurso de Gettysburg de Lincoln, así como un exemplar da Biblia de Gutenberg e outro da Carta Magna. Despois da guerra, o depósito albergou tamén a Coroa de Santo Estevo, así como reservas de opio e morfina. A cámara garda tamén algunhas rarezas numismáticas como dez exemplares da mítica moeda de ouro de 20 dólares de 1933, un espécime do centavo de aluminio de 1974 e os doce exemplares cuñados en ouro do dólar Sacagawea que voaron no transbordador espacial Columbia en 1999.
O depósito é unha instalación extremadamente segura. Entre o seu perímetro cercado e a estrutura de formigón revestida de granito esténdense aneis de arame de espiño. O recinto está vixiado por cámaras de vídeo de visión nocturna de alta resolución e micrófonos. A cámara subterránea está feita de placas de aceiro, trabes con perfil dobre T e cilindros revestidos de formigón. A súa porta, resistente aos sopretes e aos trades, ten un grosor de 53 centímetros e pesa 18 toneladas. A porta da cámara acoirazada ten unha pechadura temporizada de 100 horas e só poden abrila os membros do persoal do depósito, que deben marcar combinacións independentes. Non se permite a entrada de visitantes. O seu nivel de seguridade é tal que nos Estados Unidos se fixo popular a expresión As safe as Fort Knox ("Tan seguro coma Fort Nox").