Dereito de pernada
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dereito de pernada (en latín vulgar medieval, ius primae noctis, «dereito da primeira noite»; en inglés úsase a expresión francesa Droit de seigneur, aínda que en francés é máis acertada a locución Droit de cuissage) foi un dereito feudal que teoricamente establecía a potestade señorial de ter relacións sexuais (e polo tanto a gozar da súa virxindade) con toda doncela serva do seu feudo, que fora casar cun dos seus servos. Este presunto dereito tivo vixencia durante a Idade Media da Europa Occidental (aínda que hai paralelismos noutras partes do mundo) como compoñente do modo de produción feudal. O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) recolle a acepción estrita que acabamos de enunciar, pero tamén engade unha segunda acepción coloquial, máis ampla, referente ao abuso de autoridade.[1]
Dado que non apareceron documentos legais acerca deste presunto privilexio feudal, discutiuse moito sobre a súa natureza real. Basicamente hai quen acepta que se trata dun dereito señorial tal cal o define a historiografía tradicional, incluída a agresión sexual na noite de vodas; outros, en cambio, pensan que era un ritual simbólico de submisión que se saldaba co pagamento dunha taxa en especie ou metálico e unha cerimonia; hainos, por fin, que aceptan que o abuso sexual era un feito social (non referido ás vodas, aínda que si á servidume feudal), pero non un dereito: máis ben o reflexo da dominación dunha clase privilexiada e da baixa consideración que se tiña da muller na época.