Latín vulgar
conxunto de dialectos vernáculos do latín / From Wikipedia, the free encyclopedia
Latín vulgar (en latín, sermo vulgaris) é un termo xenérico, empregado para se referir aos dialectos vernáculos do latín, falados fundamentalmente nas provincias occidentais do Imperio Romano. A súa extinción como lingua viva asociouse coa crecente diferenciación destes dialectos, que conduciu, no século IX, á formación das linguas romances iniciais.
Esta variante do latín falado difire do estilo literario do latín clásico na súa pronunciación, vocabulario e gramática. Algúns trazos do latín vulgar non apareceron ata a época serodia do Imperio Romano. Outros, poden incluso estar presentes moito antes, ao menos baixo a forma de latín "acrioulado".[1][2] A maior parte das definicións de latín vulgar supoñen que foi unha lingua falada antes que escrita, porque certas probas indican que o latín se dialectalizou durante este período, e porque non hai probas de que alguén transcribise a fala cotiá de ningún dos seus falantes. O estudo do latín vulgar ten de facerse con métodos indirectos.
O que se coñece hoxe en día do latín vulgar procede de tres fontes. A primeira é o método comparativo que pode reconstruír numerosos trazos das linguas romances testemuñadas, e facer notar aquilo no que difiren do latín clásico. A segunda fonte son varios textos de gramáticas prescritivas do latín tardío que condenaban os erros lingüísticos que os falantes de latín adoitaban cometer, denuncias que axudan a describir como se usaba a lingua. Finalmente, os solecismos e usos que non son clásicos atopados ás veces en textos de latín tardío tamén dan luz á fala de quen os escribiu.