From Wikipedia, the free encyclopedia
A dinastía de Valois ou casa de Valois é unha rama da dinastía dos Capetos que reinou en Francia entre os anos 1328 e 1589 durante tres períodos distintos:
Dinastía Valois | |
---|---|
País | Condado de Valois |
Casa materna | Dinastía dos Capetos |
Títulos | |
Fundador | Carlos de Valois |
Último gobernante | Henrique III de Francia |
Ramas menores |
|
Sucedeu aos Capetos directos e precedeu aos Borbóns.
Tamén foi a orixe doutras casas como a de Alençon, casa de Francia (en Portugal), Borgoña, a segunda casa de Anjou e terceira casa de Anjou.
Toma o seu nome do apanage (prerrogativa) do Condado de Valois dado a Carlos, fillo de Filipe III o Atrevido, rei de Francia e pai do rei Filipe VI. A rama orixinaria extinguiuse en 1498, pero tivo varias ramas sucesoras. Filipe VI subiu ao trono francés o ano 1328 tras a morte do seu primo Carlos IV de Francia sen deixar herdeiro varón.
A polémica sucesión fixo posíbel a pretensión ao trono dos reis de Inglaterra, que eran os señores feudais máis importantes de Francia. Iso orixinou a guerra dos Cen Anos, na que os Valois foron derrotados nun principio, até que o territorio sobre o que gobernaban quedou reducido a unha mínima expresión. O xogo de alianzas do resto das casas nobres, como a casa de Borgoña, independente na práctica, fixo o conflito interminábel. As campañas de Xoana de Arco cambiaron o destino da guerra, que deixou como misión sagrada da dinastía, tinxida de providencialismo, reunir baixo a súa soberanía a multiplicidade de entidades en que estaba dividido o territorio francés entre o río Rin e os Pireneos. Con Lois XI de Francia xa se consegue un poder real compatíbel co que serían no contexto europeo occidental as monarquías autoritarias.
No século XVI —e coincidindo co reinado de Carlos I de España— reinaba Francisco I (desde 1515 até 1547), sucesor de Lois. Un dos seus logros foi fortalecer o poder real, así como vencer os suízos e conseguir no tratado de Noyon dereitos sobre o Ducado de Milán. Tamén era un dos candidatos ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Todas estas cuestións convertérono en rival de Carlos I de España, o que se materializou nas guerras de Italia, onde foi apresado en Pavia. A paz de Cateau-Cambrésis termina por conseguir un equilibrio: a maior parte de Italia, para España e a maior parte da Borgoña, para Francia.
O monopolio español sobre América tamén é discutido, e así comezan nesta época as expedicións ao Canadá.
A reforma protestante foi moi activa en Francia, deixando unha importante minoría de calvinistas e hugonotes.
Henrique II de Francia casou con Catarina de Medici coa que tivo tres fillos varóns Francisco II de Francia, Carlos IX de Francia e Henrique III de Francia, os que pola súa incapacidade de gobernar, deixan un papel destacado á súa nai. Neste contexto —e coa intervención de Filipe II de España— desátanse as guerras de Relixión, que acaban destruíndo a dinastía.
Henrique III foi o último rei da casa de Valois. Sucédeo Henrique IV de Francia e III de Navarra, da casa de Borbón, calvinista que se converteu ao catolicismo guiado pola súa frase: París ben vale unha misa. Pacificou o reino co edicto de Nantes (liberdade relixiosa) e asina a paz con Filipe II de España. Ordena as finanzas e finalmente foi asasinado por un fanático católico que se sente traizoado polo seu rei. Os seus sucesores, sobre todo Lois XIV de Francia (que revogou o edicto de Nantes) terminarán asentando o modelo da monarquía absoluta.
A casa dos Valois-Borgoña é unha rama menor da dinastía Valois. Os Valois-Borgoña, duques de Borgoña, tiveron a súa orixe cando Xoán II de Francia (tamén duque de Borgoña como Xoán I) entregou como feudo o Ducado de Borgoña ao seu fillo máis novo, Filipe o Atrevido.
A política expansionista dos membros desta dinastía deu lugar ao poderoso Estado borgoñón na baixa Idade Media e o Renacemento. Distínguese da Casa de Borgoña dos Capetos, descendentes de Roberto II de Francia, aínda que ambas as casas pertenceron á dinastía dos Capetos.
En 1203 Filipe II de Francia conquistou os territorios que tiña en Francia o rei inglés (daquela Xoán I), entre eles o Condado de Anjou, que pasou ao patrimonio da coroa francesa. En 1246 Lois IX de Francia concedeu os Condados de Anjou e do Maine ao seu irmán Carlos, que se converteu no fundador da segunda casa de Anjou. Cos netos de Carlos, a dinastía dividiuse en varias ramas: os Anjou-Sicilia (rama principal que reinou en Nápoles), os Anjou-Durazzo, os Anjou de Hungría e os Anjou-Taranto.
En 1265 o papa Clemente IV concedeu a Carlos de Anjou o Reino de Sicilia (que comprendía tamén o Reino de Nápoles), cuxa coroa ostentaban os Hohenstaufen, inimigos do papa polas loitas entre güelfos e xibelinos. O 26 de febreiro de 1266, na batalla de Benevento, o rei Manfredo I de Hohenstaufen foi derrotado e morto. Tras a batalla Carlos foi coroado rei de Sicilia.
O 30 de marzo de 1282 a cidade de Palermo, capital do Reino, rebelouse contra os franceses e masacrou a gornición de Carlos (Vésperas sicilianas). A rebelión estendeuse por toda a illa e os franceses foron expulsados. O pobo solicitou a axuda de Pedro III de Aragón, que foi coroado como rei de Sicilia, producíndose a división deste Reino entre o Reino de Sicilia peninsular, ou da Sicilia citerior Reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o Reino de Sicilia insular (Reino de Sicilia, baixo dominio aragonés. Desde entón, Carlos e os seus descendentes só reinaron sobre o Reino de Nápoles.
A rama Anjou-Durazzo reinou sobre Nápoles tras a guerra de sucesión. O seu fundador foi Xoán I de Anjou, duque de Durazzo, fillo de Carlos II de Nápoles. Seu neto Carlos converteuse en rei de Nápoles tras a morte de Xoana I.
Xoana II morreu sen herdeiros, acabando con ela a rama Anjou-Durazzo. Nomeou herdeiro a Renato (I) de Anjou, neto do pretendente Lois (I) e, polo tanto, membro da terceira casa de Anjou.
Tras a morte sen descendencia de Ladislau IV de Hungría en 1290, dous homes disputaron o trono: André (tío segundo do rei) e Carlos Martel de Anjou (fillo de Carlos II de Nápoles e María de Hungría, raíña de Nápoles, irmá de Ladislau IV). André converteuse finalmente en rei, pero a súa morte sen descendencia provocou que a coroa recaese en Carlos Roberto, fillo de Carlos Martel de Anjou.
Tras a morte sen descendencia de Casimiro III de Polonia en 1370, o trono foi herdado polo seu sobriño Lois I de Hungría (o fillo da súa irmá Isabel Łokietek).
En 1313 Filipe de Anjou, príncipe de Tarento e fillo de Carlos II de Nápoles, casou con Catarina de Valois-Courtenay, emperatriz titular do Imperio Latino.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dinastía Valois |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.