Entalpía
medida da enerxía total dun sistema termodinámico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A entalpía, (simbolizada como H, tamén referida como entalpía absoluta ou cantidade de calor) é unha magnitude física definida no ámbito da termodinámica clásica de forma que esta mide a máxima enerxía dun sistema termodinámico teoricamente pasible de ser removida deste en forma de calor. É particularmente útil na comprensión e descrición de procesos isobáricos [1]: a presión constante, as variación de entalpía encóntranse directamente asociadas ás enerxías recibidas polo sistema en forma de calor, estas facilmente cuantificables con calorímetros.
Conforme definida, a entalpia engloba en si non só a enerxía interna do sistema, senón tamén a enerxía almacenada no conxunto sistema-ambiente (arredores), que, absorbida polo sistema vía traballo, realizado pola contorna sobre este en procesos termodinámicos que implican a diminución do seu volume, tamén integra unha parcela de enerxía pasible de ser extraída en forma de calor a partir do referido sistema. A entalpía mide pois a totalidade de enerxía dalgunha maneira atrelada ao sistema - incluíndose nesta non só a enerxía encerrada no sistema, senón tamén a enerxía ligada co sistema en virtude das relacións que este establece coa súa veciñanza.
De acordo co dito, a entalpía é a suma da enerxía interna da materia, e o produto do seu volume multiplicado pola presión. A entalpía é unha función de estado cuantificable, aínda que a entalpía total dun sistema non pode ser medida directamente, en cambio a variación de entalpía dun sistema si pode ser medida.