Enterobacteriáceas
From Wikipedia, the free encyclopedia
As enterobacteriáceas (Enterobacteriaceae) son unha gran familia de bacterias gramnegativas á que pertencen, xunto a moitas bacterias simbiontes inofensivas, moitas das bacterias patóxenas máis comúns, como Salmonella, Escherichia coli, Klebsiella e Shigella. Outras bacterias desta familia menos comúns que tamén causan enfermidades son: Proteus, Enterobacter, Serratia, Citrobacter e Yersinia pestis. Esta familia é a única que está incluída na orde Enterobacteriales[1] (ou Enterobacterales[2]) da clase Gammaproteobacteria do filo Proteobacteria.[3] Filoxeneticamente, nas Enterobacteriales están incluídas varias especies endosimbiontes de insectos carentes de peptidoglicano, que forman un clado de Enterobacteriaceae, pero non están descritos validamente, polo que este grupo non é oficialmente un taxon; exemplos de ditas especies son: Sodalis, Buchnera, Wigglesworthia, Baumannia e Blochmannia, pero non antigas rickettsias.[4]
Enterobacteriaceae | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Citrobacter freundii, un membro desta familia | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
Membros das Enterobacteriaceae poden denominarse informalmente enterobacterias, xa que varios dos seus membros viven nos intestinos de animais, (pero non todos, e ademais outras familias poden vivir no intestino). De feito, a etimoloxía do nome da familia é a palabra "enterobacterium" (enterobacteria) ao que se lle engadiu o sufixo que designa as familias (aceae), e non procede do xénero Enterobacter (que tería orixinado o termo "Enterobacteraceae", sen o i). O seu xénero tipo é Escherichia.