Eosinófilo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os eosinófilos ou granulocitos eosinófilos (ou acidófilos), son un tipo de glóbulo branco do sangue, que ten un citoplasma que se tingue con colorantes ácidos como a eosina. Estas células son uns dos compoñentes do sistema inmunitario responsables de combater os parasitos pluricelulares e certas infeccións nos vertebrados. Xunto cos mastocitos, controlan tamén as reaccións alérxicas e da asma.
- Para as células ou outros compoñentes que se tinguen con eosina, ver eosinófilo (tinguidura).
Sen tinguir son transparentes, pero a súa afinidade polos colorantes ácidos fainos aparecer ao tinguilos coa eosina (colorante vermello ácido) dunha cor ladrillo, cando se utiliza a tinguidura Romanowsky. O colorante concéntrase en pequenos gránulos do citoplasma, que conteñen moitos mediadores químicos, como histamina e proteínas como a eosinófilo peroxidase, ribonuclease (RNase), desoxirribonucleases, lipase, plasminóxeno, e a proteína básica maior (ou proteoglicano 2). Estes mediadores son liberados durante a desgranulación que segue á activación do eosinófilo, e son tóxicas tanto para os parasitos coma para os tecidos do hóspede.
En individuos normais os eosinófilos supoñen do 1 ao 6% dos leucocitos sanguíneos, e miden entre 12 e 17 micrómetros de diámetro.[1] Atópanse no bulbo raquídeo e na unión entre o córtex e a medula do timo, e no tracto gastrointestinal inferior, ovario, útero, páncreas, e nódulos linfáticos, pero non nos pulmóns, pel, esófago, ou algúns outros órganos internos en condicións normais. A presenza de eosinófilos nestes últimos órganos está asociado con algunha enfermidade. Os eosinófilos orixínanse na medula ósea, pasan á circulación sanguínea e persisten nela unhas 8–12 horas, e poden sobrevivir nos tecidos durante 8–12 días en ausencia de estimulación.[1] Diversos estudos en cultivos ex-vivo realizados na década de 1980s estableceron que os eosinófilos son os únicos granulocitos que poden vivir durante longos períodos de tempo despois da súa maduración.
Foron descubertos por Paul Ehrlich en 1879, que lles deu o nome de eosinófilos ao ver que se tinguían intensamente con certos colorantes ácidos como a eosina.