Evolución da reprodución sexual
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución da reprodución sexual explica o modo en que se xerou, modificou e mantivo esta, a partir das primeiras células eucariotas que non a tiñan.[1][2][3] Porén, é un gran crebacabezas da bioloxía evolutiva moderna. Moitos grupos de organismos, en especial a maioría dos animais e as plantas, reprodúcense sexualmente. A evolución do sexo entre dous organismos da mesma especie comprende dous temas relacionados aínda que diferentes: a súa orixe e o seu mantemento. Porén, como as hipóteses para a orixe do sexo son difíciles de comprobar experimentalmente, a maior parte do traballo actual centrouse no mantemento da reprodución sexual. Os biólogos, como W. D. Hamilton, Alexei Kondrashov e George C. Williams, propuxeron varias explicacións de como se mantén a reprodución sexual nun gran conxunto de seres vivos distintos.
Parece que o ciclo sexual se mantén porque mellora a calidade da proxenie (fitness ou aptitude), a pesar de reducir o número total da descendencia (o dobre custo do sexo). Para que sexa evolutivamente vantaxes debe estar asociada cun aumento significativo da aptitude da descendencia. Unha das explicacións máis aceptadas para a vantaxe do sexo baséase na creación de variabilidade xenética. Hai tres razóns posibles que poden dar conta disto. Primeiro, a reprodución sexual pode xuntar mutacións que son beneficiosas nun mesmo individuo (o sexo axuda na difusión de caracteres vantaxosos). Segundo, o sexo actúa xuntando mutacións prexudiciais para crear individuos cunha fitness moi baixa que son eliminados da poboación (o sexo axuda a eliminar os xenes prexudiciais). Por último, o sexo crea novas combinacións de xenes que poden ser máis aptas que as existentes anteriormente, ou que simplemente producen unha menor competitividade entre os parentes.
Estas hipóteses explícanse con maior detalle máis adiante. É importante ter en conta que calquera destas hipóteses pode ser certa nunha especie concreta (non son excluíntes), mentres que noutras especies poden aplicarse outras hipóteses. Con todo, aínda ten que encontrarse un marco de investigación que permita determinar se a razón para o sexo é universal para todas as especies e, se non o é, que mecanismo está actuando en cada especie.
Hai unhas poucas especies que perderon secundariamente a súa capacidade de reproducirse sexualmente, como os Bdelloidea, e algunhas plantas e animais reprodúcense rutineiramente asexualmente (por apomixe e partenoxénese) sen perder de todo o sexo.