Experimento de Avery, MacLeod e McCarty
From Wikipedia, the free encyclopedia
O experimento de Avery, MacLeod e McCarty foi unha demostración experimental publicada en 1944 por Oswald Avery, Colin MacLeod e Maclyn McCarty, de que o ADN é a substancia que causa a transformación bacteriana, o que implicaba que portaba a información xenética, nunha época en que a maioría dos científicos consideraban que as proteínas eran as moléculas que realizaban a función de almacenar a información xenética (e a propia palabra proteína acuñouse así coa raíz protos polo convencimento que había daquela de que a súa función era primaria). Foi a culminación das investigacións feitas na década de 1930 e en toda a primeira metade do século XX no Rockefeller Institute for Medical Research que intentaban identificar cal era o "principio transformante" responsable do fenómeno da transformación bacteriana descrito no famoso experimento de Griffith de 1928, no cal Griffith matou con calor unha cepa virulenta de tipo III-S da bacteria Streptococcus pneumoniae (pneumococo), e inxectou esas bacterias mortas xunto con bacterias vivas da cepa non virulenta II-R de pneumococos, o que tivo como resultado a morte do rato e a aparición no cadáver de bacterias de tipo III-S vivas, as cales eran bacterias II-R transformadas en III-S porque se supoñía que algunha substancia descoñecida (o "principio transformante") procedente das III-S mortas pasaba ás II-R vivas causando a transformación. Avery e os seus colegas, no seu artigo "Studies on the Chemical Nature of the Substance Inducing Transformation of Pneumococcal Types: Induction of Transformation by a Desoxyribonucleic Acid Fraction Isolated from Pneumococcus Type III", publicado no número de febreiro de 1944 da revista Journal of Experimental Medicine, suxiren que é o ADN (e non as proteínas como se cría maioritariamente daquela) o material hereditario das bacterias e o "principio transformante" buscado, e que podía ser análogo aos xenes e/ou virus dos organismos superiores.[1][2]
Co desenvolvemento da tipificación serolóxica, os investigadores médicos puideron clasificar as bacterias en diferentes cepas, ou tipos. Cando se inocula unha persoa ou animal de laboratorio (como os ratos) cun determinado tipo ou cepa, orixínase unha resposta inmunitaria, xerando anticorpos que reaccionan especificamente cos antíxenos da bacteria. O soro sanguíneo que contén os anticorpos pode extraerse despois e ser aplicado a un cultivo bacteriano. Os anticorpos reaccionarán con outras bacterias do mesmo tipo que os da inoculación orixinal. Os tipos de pneumococos e a súa tipificación serolóxica descubríraos o bacteriólogo alemán Fred Neufeld. Ata os estudos de Frederick Griffith os bacteriólogos crían que os tipos (cepas) estaban fixados e non podían cambiar dunha xeración á seguinte, pero o experimento de Griffith demostraba o contrario.[3]
O experimento de Griffith, publicado en 1928,[4] indicaba que algún tipo de "principio transformante" da bacteria pneumococo podía causar a transformación dun tipo de pneumococo a outro. Griffith, que era un oficial médico británico, pasara varios anos aplicando a tipificación serolóxica a casos de pneumonía, unha enfermidade que podía ter un fatal desenlace frecuente a inicios do século XX. Atopou que varios tipos de pneumococos, algúns virulentos e outros non virulentos, estaban presentes no curso dun caso clínico de pneumonía e pensou que un tipo podía transformarse noutro (en vez de que simplemente cada tipo se reproducise). Para comprobar esa posibilidade, atopou nos seus experimentos que a transformación podía ocorrer cando as bacterias mortas do tipo virulento e as vivas non virulentas eran inxectadas xuntas en ratos: o rato desenvolvía unha infección mortal (normalmente causada polas bacterias vivas de tipo virulento) e que se podían illar bacterias virulentas vivas do rato infectado (a pesar que non se inoculara ningunha viva dese tipo).[5]
Os descubrimentos do experimento de Griffith axiña foron confirmados, primeiro por Fred Neufeld[6] no Instituto Robert Koch e por Martin Henry Dawson no Instituto Rockefeller.[7] Unha serie de investigadores do Instituto Rockefeller continuaron estudando a transformación nos anos seguintes. Xunto con Richard H.P. Sia, Dawson desenvolveu un método para transformar bacterias in vitro (en vez de in vivo como fixera Griffith).[8] Despois da marcha de Dawson en 1930, James Alloway retomou os intentos de ampliar os descubrimentos de Griffith, que tiveron como resultado a extraccción de solucións acuosas do principio transformante en 1933. Colin MacLeod traballou purificando esas solucións desde 1934 a 1937, e os traballos foron continuados en 1940 e completados por Maclyn McCarty.[9][10]