Ferdinand von Richthofen
From Wikipedia, the free encyclopedia
Ferdinand von Richthofen, nado en Carlsruhe (Silesia) o 5 de maio de 1833 e finado en Berlín o 6 de outubro de 1905, foi un científico, xeógrafo e viaxeiro alemán. Publicou libros que trataban sobre xeografía, xeoloxía, etnoloxía e economía. É famoso por acuñar os termos "Seidenstraße" e "Seidenstraßen", que significan "Ruta(s) da seda" en 1877, referíndose ás rutas do comercio da seda entre a China e Europa desde a antigüidade.[1][2] Ademais, foi el quen introduciu en 1886 na literatura científica a palabra galega ría para referirse aos vales fluviais inundados polo mar, que hoxe é un termo científico internacional en xeomorfoloxía.[3][4] Tamén estandarizou prácticas de corografía e coroloxía.
O seu nome completo é Paul Wilhelm Ferdinand von Richthofen. Tamén se lle chama barón Ferdinand von Richthofen ou, en alemán, Ferdinand Freiherr von Richthofen (Freiherr é un título nobiliario alemán que equivale a barón, que hoxe legalmente forma parte do apelido ; o seu feminino é Freifrau e Freiin). Ferdinand von Richthofen foi tío do famoso piloto bélico, ás da aviación da primeira guerra mundial, Manfred von Richthofen, máis coñecido como o "Barón Vermello".