Foro Romano
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Foro Romano, (en latín Forum Romanum), é un foro rectangular que na época de máximo esplendor de Roma estaba rodeado por varios dos máis importantes edificios gobernamentais e que se situaba no centro da cidade de Roma; na súa orixe fora un mercado ao aire libre. Os cidadáns denominábano Forum Magnum, ou simplemente Forum.
Durante séculos foi a cerna da vida pública romana, constituíndo o corazón da Roma Antiga: era o lugar onde se celebraban as procesións triunfais e as eleccións, onde se efectuaban os discursos públicos, os xuízos criminais, as loitas de gladiadores, e o núcleo onde se desenvolvían os negocios comerciais. Con numerosas estatuas conmemorando os grandes homes da cidade, localizábase nun pequeno val entre os montes Palatino e Capitolino, e na actualidade é un extenso conxunto de ruínas formada polos fragmentos dos antigos edificios onde se desenvolven periodicamente escavacións arquelóxicas e que atrae a uns catro millóns e medio de turistas cada ano[1].
Moitas das máis antigas e importantes estruturas da cidade antiga localizábanse no foro ou nas súas inmediacións. Os primeiros santuarios e templos da monarquía romana estaban no bordo sueste, a Regia (século VIII a.C.), o Templo de Vesta (século VII a. C.), o complexo das vestais, todos reconstruídos logo do ascenso do Imperio Romano.
Outros santuarios arcaicos situábanse no noroeste, é o caso do Umbilicus Urbis e o Volcanal da época da república, que estaban no Comitium, onde se desenvolvía a asemblea curial, e alí xa estaba desde a Monarquía a Curia Hostilia, o edificio do Senado, e gradualmente establecéronse edificios gobernamentais, tribunais, templos, memoriais e estatuas diversas.
Co tempo o Foro, próximo e máis grande, acabou substituíndo ao arcaico Comitium, e o foco da actividade xudicial mudouse á nova Basílica Emilia (179 a.C.), e un século despois Xulio César construíu a Basílica Xulia canda a nova Curia Xulia, a nova sede do Senado, reforzando así a primacía do Foro.
Á fin gran parte dos asuntos xudiciais e da vida económica pasou á zona do Foro de Traxano e da Basílica Ulpia, no norte da cidade. Durante o reinado de Constantino o Grande realizouse unha das últimas expansións do complexo do Foro, a Basílica de Maxencio (312), converténdose de novo no centro da vida política ata a definitiva desaparición do Imperio Romano.