actriz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Frances Elena Farmer, nada en Seattle o 19 de setembro de 1913 e finada en Indianapolis o 1 de agosto de 1970, foi unha actriz e presentadora de televisión estadounidense. Apareceu en máis dunha ducia de filmes durante a súa carreira, aínda que gañou notoriedade polas historias sensacionalistas da súa vida, especialmente o seu encerro involuntario en hospitais psiquiátricos e os seus problemas coa saúde mental.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de setembro de 1913 Seattle, Estados Unidos de América |
Morte | 1 de agosto de 1970 (56 anos) Indianapolis, Estados Unidos de América |
Causa da morte | cancro do esófago cancro de larinxe |
Lugar de sepultura | Indiana |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Universidade de Washington West Seattle High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | actriz de cinema , actriz de teatro , actriz de televisión |
Período de actividade | 1936 - |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Cónxuxe | Leif Erickson (1936–1942) |
|
Farmer naceu en Seattle, filla máis nova de Ernest Melvin Farmer (1874-1956), un avogado,[1] e de Lillian Farmer (de solteira, Van Ornum; 1873-1955) que rexentaba unha pensión e traballaba como dietista.[2] Frances tiña dúas irmás e un irmán. Tras gañar un concurso literario en 1931 durante o seu último ano de instituto cun ensaio que resultou moi controvertido, "God Dies" ("Deus morre"),[3] foi acusada de atea.[4]
Comezou a estudar xornalismo na Universidade de Washington[5] e compaxinou os estudos con actuacións nas obras teatrais organizadas pola universidade.[6] En 1935 gañou un concurso para suscritores dun xornal de esquerdas, The Voice of Action.[7] O primeiro premio era unha viaxe á Unión Soviética, que ela aceptou a pesar da forte obxección da súa nai, para poder ver o pioneiro Teatro da Arte de Moscova. Ese interese fomentou o rumor de que ademais de atea era comunista.[8] Ese mesmo ano graduouse en arte dramática na universidade.[5][9]
Ao seu regreso da Unión Soviética ese verán, detívose en Nova York para comezar unha carreira real como actriz de teatro.[10] Porén, foi descuberta por un cazatalentos que lle ofreceu un contrato de sete anos na Paramount.[11] Farmer, que tiña vinte e dous anos, mudouse a Hollywood e casou co actor Leif Erickson.[12] O seu carácter orgulloso e obstinado fixo que perdese rapidamente a súa popularidade en Hollywood, o que a levou de novo ao teatro, que compaxinou máis tarde co cinema, de novo na Paramount.
Mentres, o seu matrimonio desintegrárase, e o seu marido comezara a saír coa actriz Margaret Hayes.[13] O divorcio finalizou o 12 de xuño de 1942[14] e Erickson casou con Hayes o mesmo día.[13] A partir deste momento viuse envolta nunha espiral de escándalos. Foi arrestada por conducir ebria,[15] denunciada por un peiteador do estudio ao que supostamente dislocou a mandíbula dun golpe e durante as audiencias perante o tribunal por este feitos agrediu fisicamente os policías e o xuíz.[16] Levárona entón a un hospital psiquiátrico dos Ánxeles,[17] onde a diagnosticaron de psicose maníaco-depresiva[18] e máis tarde de esquizofrenia paranoica.[19] Foi sometida a inxeccións de insulina[19] e permaneceu recluída nove meses ata que escapou do centro.
Volveu de novo a Seattle cos seus pais,[20] mais as discusións coa súa nai eran continuas e tras agredila fisicamente foi recluída de novo durante tres meses nun psiquiátrico de Washington, onde recibiu un duro tratamento a base de electrochoques. Aos 32 anos volveu ao mesmo psiquiátrico, onde esta vez permaneceu cinco anos, en que ademais da terapia de electrochoques supostamente foi violada repetidas veces co consentimento dos médicos do centro e foille practicada unha lobotomía, aínda que isto non está comprobado: non consta nos arquivos do hospital, a pesar de que nesa época a lobotomía se consideraba un método innovador e non se ocultaba. En 1983 varios xornais de Seattle entrevistaron antigos membros do persoal do centro, incluíndo todas as enfermeiras da sala de lobotomía durante os anos que Farmer estivo ingresada e todas dixeron que non foi paciente alí.[21] A suposta lobotomía foi mencionada por primeira vez en 1978 polo crítico de cinema William Arnold no seu libro Shadowland e as supostas brutalidades durante a súa estadía de cinco anos tamén se fixeron públicas trala súa morte na autobiografía póstuma Will There Really Be a Morning?, publicada pola súa amiga Jean Ratcliffe. Existen sospeitas de que a propia Ratcliffe a escribiu ou que esaxerou certas partes, aínda que afirmou que só escribira a parte final sobre a morte de Farmar.[22]
Despois desta etapa, en 1954, casou con Alfred H. Lobley[23] e traballou uns anos como secretaria en Eureka, California.[24][25] Máis tarde coñeceu a Leland C. Mikesell, que lle procurou traballo no hotel Sheraton de San Francisco como recepcionista[26][24] e a animou a escribir un artigo coas súas experiencias, o que volveu atraer a atnción sobre ela. Nunha entrevista na revista Modern Screen dixo: "Non culpo a ninguén pola miña caída... Creo que gañei a loita por controlarme".[27] Apareceu en dúas ocasións en The Ed Sullivan Show e en This is Your Life, en que o presentador Ralph Edwards lle preguntou sobre o seu suposto alcoholismo: "Outras historias acúsante de ser unha alcohólica. Éralo, Frances?". Ela contestou: "Non, nunca fun unha alcohólica". Tras divorciarse de Lobley casou con Mikesell.[28] Este terceiro matrimonio acabou en divorcio en 1963.
Posteriormente traballou na televisión, especialmente no programa Frances Farmer presents (1958-1964) onde se mostraba como unha anfitrioa amable. A súa última interpretación foi na obra teatral The Visit en 1965. Fora despedida da televisión novamente polo seu comportamento errático. Farmer e a súa amiga Jean Ratcliffe intentaron crear unha empresa de cosméticos mais o proxecto fracasou cando a súa investidora malversou os fondos.[29]
Farmer faleceu en 1970 aos 56 anos dun cancro de esófago, que se atribuíu ao seu tabaquismo.[30] Está enterrada no cemiterio Oaklawn Memorial Gardens en Fishers (Indiana).[31]
En 1982, Jessica Lange interpretou a Farmer no filme Frances; no filme móstrase a Farmer sendo lobotomizado, o que é moi discutido.[32] O ano seguinte estreouse unha adaptación televisiva de Will There Really Be a Morning? con Susan Blakely como Farmer.[33] En 1984 produciuse outro filme baseado na súa vida, Committed.[34]
Na música, aparece nas cancións "The Medal Song" (1984) de Culture Club, "Frances Farmer" (2004) de Patterson Hood, "Ugly Little Dreams" (1985) de Everything but the Girl,[35] "Paint By Numbers (Song For Frances)" de Romanovsky and Phillips e "Frances Farmer Will Have Her Revenge on Seattle" (1993) de Nirvana no seu álbum In Utero.[36] A compositora francesa Mylène Farmer escolleu o seu nome artístico como homenaxe á actriz. É mencionada en "Lobotomy Gets Them Home" (1989) no álbum de The Men They Couldn't Hang Silvertown. Foi o tema dunha obra teatral de Sally Clark, Saint Frances of Hollywood (1996).[37]
Ano | Título | Personaxe | Notas | |
---|---|---|---|---|
1936 | Too Many Parents | Sally Colman | [38] | |
1936 | Border Flight | Anne Blane | [39] | |
1936 | Rhythm on the Range | Doris Halliday | [40] | |
1936 | Come and Get It | Lotta Morgan/Lotta Bostrom | Tamén coñecido como Roaring Timber[41] | [42] |
1937 | Exclusive | Vina Swain | [43] | |
1937 | The Toast of New York | Josie Mansfield | [44] | |
1937 | Ebb Tide | Faith Wishart | [45] | |
1938 | Ride a Crooked Mile | Trina | Tamén coñecido como Escape from Yesterday e The Last Ride | [46] |
1940 | South of Pago Pago | Ruby Taylor | [47] | |
1940 | Flowing Gold | Linda Chalmers | [48] | |
1941 | World Premiere | Kitty Carr | [49] | |
1941 | Badlands of Dakota | Calamity Jane | [50] | |
1941 | Among the Living | Elaine Raden | [51] | |
1942 | Son of Fury: The Story of Benjamin Blake | Isabel Blake | [52] | |
1943 | I Escaped from the Gestapo | Tamén coñecido como No Escape[53] | [54] | |
1951 | Studio One | Episodio: "They Serve The Muses" | [55] | |
1951 | Studio One | Episodio: "The Dangerous Years" | [55] | |
1958 | Playhouse 90 | Val Schmitt | Episodio: "Reunion" | [56] |
1958 | Matinee Theatre | Episodio: "Something Stolen, Something Blue" | [56] | |
1958 | Studio One | Sarah Walker | Episodio: "Tongues of Angels" | [57] |
1958 | The Party Crashers | Mrs. Bickford | [58] | |
1958–1964 | Frances Farmer Presents | Presentadora | [59] | |
1959 | Special Agent 7 | Episodio: "The Velvet Rope" | [55] | |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.