A Franxa[1] de Gaza (en árabe: قطاع غزة, Qita' Ghazzah; en hebreo: רצועת עזה, Retzu'at 'Azza) é un estreito anaco de terra que se atopa na costa oriental do mar Mediterráneo,[2] limitado por Israel polo leste e norte, e por Exipto polo suroeste. Cunha poboación de 2 millóns de persoas[3] concentradas en 365 km², Gaza ten unha densidade de poboación comparablemente alta.[4][5] É un dos dous territorios palestinos, xunto con Cisxordania.[6][7] Dende 2007, Gaza é gobernada de facto como un estado de partido único polo grupo político e militar islamita sunnita Hamas.[8][9][10][11]
- Este é un artigo sobre un territorio de Palestina, se procura outro artigo de igual nome vexa Gaza.
A Franxa de Gaza xurdiu nun principio como territorio ocupado por Exipto logo da guerra árabe-israelí de 1948. Despois da guerra dos Seis Días de 1967, o territorio pasou baixo o control militar israelí até o plan de retirada de 2005. Na década de 1990, como parte dos Acordos de Oslo, a administración sobre a maior parte da área foi entregada á Autoridade Nacional Palestina, xunto coa existencia de asentamentos israelís nalgunhas áreas, que foron evacuadas en 2005 para a desvinculación israelí de Gaza. Logo da retirada de Israel, en 2006 Hamas gañou as últimas eleccións lexislativas celebradas en Palestina e comezou a administrar Gaza; tomou o control total dunha pequena guerra civil o ano seguinte.[9] Desde entón, Hamas reprimiu e executou brutalmente os seus opositores.[12]