Fútbol sala
deporte de equipo de balón / From Wikipedia, the free encyclopedia
O fútbol sala[1][2] ou futsal[3] é un deporte derivado da unión doutros deportes: o fútbol, que é a base do xogo; o wáter-polo; o voleibol, o balonmán e o baloncesto. Tomando destes non só parte das regras, senón tamén algunhas técnicas de xogo. Os xogadores deste deporte precisan dunha grande habilidade técnica e dominio sobre o balón, así como velocidade e precisión na execución tanto ao recibir, pasar ou realizar xestos técnicos.
Inicialmente rexido pola Federación Internacional de Fútbol de Salón (FIFUSA), hoxe existen dous entes mundiais, a Asociación Mundial de Futsal (AMF) e a Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA). Esta última transformou unha modalidade deportiva denominada "Fútbol 5" moi similar ao fútbol sala da FIFUSA, cando a mesma se extinguiu, aínda que hoxe este fútbol 5 ou "showbol" se practica en México (fútbol rápido) e Estados Unidos (Indoor Soccer).
A pesar dos esforzos tanto da AMF e a FIFA por unificar esta modalidade e de ser recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional, ningunha das dúas entidades conseguiu o seu propósito, deixando como consecuencia o estancamento desta disciplina, xa que en Europa e Suramérica practícanse con regras similares pero distintas e nalgúns casos utilizando os mesmos deportistas para eventos de ambas entidades, posto que a FIFA prohibe aos seus deportistas practicar o futsal da AMF.
A selección feminina galega foi a subcampioa mundial da AMF World Futsal Championships celebrada en 2008, por detrás de Cataluña.