Gliconeoxénese
ruta metabólica pola cal se producen moléculas de glicosa / From Wikipedia, the free encyclopedia
A gliconeoxénese ou neoglicoxénese ("formación de novo azucre") é a ruta metabólica pola cal se producen moléculas de glicosa a partir de compostos que non son carbohidratos. É un proceso basicamente citosólico, que na súa maior parte ten lugar no fígado (en situación de xexún principalmente) e en menor medida no córtex dos riles. En humanos, os principais precursores utilizados na gliconeoxénese son: lactato, glicerol e certos aminoácidos, principalmente alanina. As reaccións da gliconeoxénese son inversas ás da glicólise excepto en tres puntos específicos.[1]
En mamíferos, a maioría dos tecidos pode de suplir as súas necesidades enerxéticas a partir da oxidación de varios compostos, como aminoácidos, azucres e ácidos graxos; porén, algúns tecidos dependen case completamente da glicosa como fonte de enerxía metabólica. Para o cerebro humano e o sistema nervioso, e noutros tecidos e células como os eritrocitos, testículos, medula renal e tecidos embrionarios, a glicosa sanguínea é a única ou principal fonte de enerxía. Só o cerebro require preto de 120 g de glicosa cada día (máis da metade de toda a glicosa almacenada como glicóxeno en músculos e fígado).[2] A longo prazo, todos os tecidos requiren tamén glicosa para outras funcións, tales como a síntese da ribosa dos nucleótidos ou da porción glicídica de glicoproteínas e glicolípidos. Por tanto, para sobreviviren, os organismos precisan ter mecanismos para manter os niveis sanguíneos de glicosa.[1] Cando a concentración de glicosa circulante procedente da alimentación diminúe, o glicóxeno hepático e muscular é degradado (glicoxenólise) facendo que a glicemia volva a valores normais. Ademais, a subministración de glicosa que poden facer eses reservorios non é sempre suficiente (e non duraría máis de 10 a 18 horas). Entre as comidas e durante longos xexúns, ou despois de exercicios vigorosos, o glicóxeno consómese rapidamente, situación que tamén ocorre cando a dieta non achega suficiente glicosa ou cando hai dificultades na absorción da glicosa polas células. Nesas situacións, os organismos necesitan un método para sintetizar glicosa a partir de precursores que non sexan carbohidratos. Isto realízase pola vía metabólica da gliconeoxénese, a cal converte piruvato e compostos relacionados de tres e catro carbonos en glicosa.[2]
As modificacións que ocorren no metabolismo da glicosa durante o cambio do estado alimentado a un estado de xexún están reguladas por hormonas como a insulina e o glicagón. O nivel ee insulina está elevado no estado alimentado, e o glicagón aumenta durante o xexún. A insulina estimula o transporte de glicosa a certas células, como as dos músculos e tecido adiposo, e tamén altera a actividade de encimas chave que regulan o metabolismo, estimulando o almacenamento de combustible. O glicagón contrarregula os efectos da insulina, estimulando a liberación dos combustibles almacenados e a conversión de lactato, aminoácidos e glicerol en glicosa.[1]
A gliconeoxénese é un proceso presente en plantas, animais, fungos e diversos microorganismos, e as reaccións son practicamente as mesmas en todos os tecidos e todas as especies.[2]
Nas plantas en xerminación, as graxas e proteínas almacenadas son convertidas, a través de rutas que inclúen a gliconeoxénese, no disacárido sacarosa, que se transporta pola planta en desenvolvemento e serve de fonte de enerxía. A glicosa e os seus derivados son precursores da síntese das paredes celulares das plantas, nucleótidos e coencimas, e unha variedade doutros metabolitos esenciais. En moitos microorganismos, a gliconeoxénese comeza a partir de compostos orgánicos simples de dous ou tres carbonos, como acetato, lactato e propionato presentes no seu medio. Aínda que as reaccións da gliconeoxénese son as mesmas en todos os organismos, o contexto metabólico e a regulación da ruta difiren dunha especie a outra e nos distintos tecidos.[2]