Globalización
proceso económico, tecnolóxico, social e cultural / From Wikipedia, the free encyclopedia
A globalización é un proceso económico, tecnolóxico, social e cultural a grande escala,[1][2] que consiste na crecente comunicación e interdependencia entre os diferentes países do mundo unificando os seus mercados, sociedades e culturas, a través dunha serie de transformacións sociais, económicas e políticas que lles dan un carácter global. A globalización é a miúdo identificada coma un proceso dinámico producido principalmente polas sociedades que viven baixo o capitalismo democrático ou a democracia liberal e que abriron as súas portas á revolución informática, pregando a un nivel considerábel de liberalización e democratización na súa cultura política, no seu ordenamento xurídico e económico nacional, e nas súas relacións internacionais.
Factores que impulsan o seu desenvolvemento:
Beneficios potenciais:
Riscos:
|
Este proceso orixinado na civilización occidental e que se expandiu arredor do mundo nas últimas décadas da Idade Contemporánea (segunda metade do século XX) recibe o seu maior impulso coa caída do comunismo e o fin da Guerra fría, e continúa no século XXI.[3] Caracterízase na economía pola integración das economías locais a unha economía de mercado mundial onde os modos de produción e os movementos de capital configúranse a escala planetaria cobrando meirande importancia o rol das empresas multinacionais e a libre circulación de capitais xunto coa implantación definitiva da sociedade de consumo. O ordenamento xurídico tamén sente os efectos da globalización e vese na necesidade de uniformar e simplificar procedementos e regulacións nacionais e internacionais co fin de mellorar as condicións de competitividade e seguridade xurídica, ademais de universalizar o recoñecemento dos dereitos fundamentais da cidadanía. Na cultura caracterízase por un proceso que interrelaciona as sociedades e culturas locais nunha cultura global. No tecnolóxico a globalización depende dos avances na conectividade humana (transporte e telecomunicacións) facilitando a libre circulación de persoas e a masificación das TICs e o Internet. No plano ideolóxico os credos e valores colectivistas e tradicionalistas causan un desinterese xeneralizado e van perdendo terreo fronte do individualismo e o cosmopolitismo da sociedade aberta. Os medios de comunicación clásicos, en especial a prensa escrita, perden a súa influencia social (cuarto poder) fronte á produción colaborativa de información da Web 2.0 (quinto poder).
Entrementres, na política, os gobernos van perdendo atribucións ante o que se denominou sociedade rede, o activismo cada vez xira máis en torno ás redes sociais, estendeuse a transición á democracia contra os réximes despóticos, e en políticas públicas destacan os esforzos para a transición ao capitalismo nalgunhas das antigas economías dirixidas e a transición do feudalismo ao capitalismo en economías subdesenvolvidas dalgúns países aínda que con diferentes graos de éxito. Xeopoliticamente o mundo debátese entre a unipolaridade da superpotencia estadounidense e o xurdimento de novas potencias rexionais, e en relacións internacionais o multilateralismo e o poder brando volvesen os mecanismos máis aceptados pola comunidade internacional. A sociedade civil tamén toma protagonismo no debate internacional a través de ONGs internacionais de dereitos humanos que monitorean a actividade interna ou externa dos Estados. No ámbito militar xorden conflitos entre organizacións armadas non-estatais (e transnacionais en moitos casos) e os exércitos estatais (guerra contra o terrorismo, guerra contra o narcotráfico etc), mentres as potencias que realizan intervencións militares a outros países (usualmente aos considerados como Estado falido) procuran gañarse á opinión pública interna e mundial ao formar coalicións multinacionais e alegando o combate a algunha ameaza de seguridade non sen amplos debates sobre a lexitimidade dos conceptos de guerra preventiva e intervención humanitaria fronte ao principio de non intervención e de oposición ás guerras.
A valoración positiva ou negativa deste fenómeno, ou a inclusión de definicións ou características adicionais para resaltar a inclusión dalgún xuízo de valor, poden variar segundo a ideoloxía do interlocutor. Isto porque o fenómeno globalizador despertou grande entusiasmo nalgúns sectores, mentres noutros despertou un profundo rexeitamento (antiglobalización), habendo tamén posturas eclécticas e moderadas.