Glándula sebácea
From Wikipedia, the free encyclopedia
As glándulas sebáceas son un tipo de glándula exócrina situada na derme media da pel, que producen unha secreción sebácea chamada sebo, de composición lipídica, que serve para lubricar e protexer a superficie da pel.[1] Son glándulas acinares formadas por células cheas de lípidos que se desenvolven embrioloxicamente no cuarto mes de xestación, como unha xemación epitelial do folículo piloso.
Nos humanos estas glándulas encóntranse en toda a pel, agás nas palmas das mans e plantas dos pés[2], variando en tamaño e número segundo a localización: na face e coiro cabeludo son grandes e numerosas (400 a 900 por cm²), no tronco son pequenas e menos abundantes, incrementándose na parte anterior do tórax e liña media das costas. Nas beiras das pálpebras, existen unha glándulas sebáceas especiais chamadas glándulas de Meibomio, que verten unha secreción sebácea especial no ollo, que se mestura coas bágoas e fai máis lenta a súa evaporación.
Hai varias condicións médicas relacionadas coas glándulas sebáceas, como a acne, quistes epidermoides (ás veces chamados sebáceos), hiperplasia sebácea, adenoma sebáceo e carcinoma de glándula sebácea.