Hipócrates
From Wikipedia, the free encyclopedia
Hipócrates de Cos, nado en Cos (Espóradas) no século V a.C. (c. 460 a.C.) e finado en Lárisa, Tesalia no século IV a.C. (c. 370 a.C.), foi un médico da Antiga Grecia que exerceu durante o chamado século de Pericles.
Gravado de Peter Paul Rubens, 1638, cortesia da National Library of Medicine.[1] | |
Nome orixinal | (grc) Ἱπποκράτης |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 460 a.C. Cos, Grecia |
Morte | c. 370 a.C. Lárisa, Grecia |
Datos persoais | |
Residencia | Grecia |
País de nacionalidade | grega |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina |
Ocupación | médico , filósofo |
Profesores | Herodicus (en) , Gorxias de Leontini e Demócrito de Abdera |
Alumnos | Polybus (en) e Thessalus (en) |
Lingua | Grego antigo |
Familia | |
Fillos | Thessalus (en) |
É considerado unha das figuras máis destacadas da historia da medicina e moitos autores refírense a el como o «pai da medicina» moderna,[2][3][4] en recoñecemento ás súas importantes e duradeiras contribucións a esta ciencia como fundador da escola que leva o seu nome. Esta escola intelectual revolucionou a medicina da Antiga Grecia, establecéndoa como unha disciplina separada doutros campos cos cales se asociaba tradicionalmente (notablemente a teúrxia e a filosofía), convertendo o exercicio da medicina nunha auténtica profesión.[5][6]
Con todo, adoitan mesturarse os descubrimentos médicos dos escritores do Corpus hippocraticum, os practicantes da medicina hipocrática e as accións do mesmo Hipócrates, polo que se sabe moi pouco sobre o que o propio Hipócrates pensou, escribiu e fixo realmente. A pesar desta indefinición, Hipócrates é representado a miúdo como paradigma do médico antigo. En concreto, atribúeselle un gran progreso no estudo sistemático da medicina clínica, reunindo o coñecemento médico de escolas anteriores e prescribindo prácticas médicas de grande importancia histórica, como o xuramento hipocrático e outras obras.[5][7]
Non hai que confundilo con Hipócrates de Quíos, matemático grego do século V antes de Cristo,[8] e que naceu na illa de Quíos, non moi lonxe da de Cos.