Interacción electromagnética
unha das catro interaccións fundamentais da natureza / From Wikipedia, the free encyclopedia
A interacción electromagnética é, xunto á gravidade, á interacción nuclear forte e a interacción nuclear débil, unha das catro forzas fundamentais da natureza[1] descritas no modelo estándar. Esta forza é descrita polos campos electromagnéticos e ten instancias físicas innumerables, incluíndo a interacción de partículas con carga e a interacción de campos de forza magnéticos sen carga con condutores eléctricos.
A verba «electromagnetismo» é unha forma composta de dous termos gregos, ἢλεκτρον, ēlektron, 'ámbar', e μαγνήτης, magnitis (μαγνήτης), que significa 'pedra de Magnesia', un tipo de mena de ferro. A ciencia dos fenómenos electromagnéticos defínese en termos da forza electromagnética, ás veces chamada forza de Lorentz, que inclúe a electricidade e o magnetismo como elementos dun mesmo fenómeno, tal como describen as ecuacións de Maxwell.[2]
Dende un punto de vista macroscópico e fixado un observador, adoita separarse en dous tipos de interacción, a interacción electrostática, que actúa sobre corpos cargados en repouso respecto ao observador, e a interacción magnética, que actúa soamente sobre cargas en movemento respecto ao observador.
As partículas fundamentais interactúan electromagneticamente mediante o intercambio de fotóns entre partículas cargadas. A electrodinámica cuántica proporciona a descrición cuántica desta interacción, que pode ser unificada coa interacción nuclear débil segundo o modelo electrodébil.
As implicacións teóricas do electromagnetismo, en particular a determinación da velocidade da luz baseándose nas propiedades do «medio» de propagación (permeabilidade e permitividade), conduciron ó desenvolvemento da relatividade especial por Albert Einstein en 1905.[3]