Jack o Destripador
Asasino en serie non identificado en Londres en 1888 / From Wikipedia, the free encyclopedia
Jack o Destripador[1][2] (en inglés: Jack the Ripper) é o máis coñecido dos pseudónimos que se lle deron a un asasino en serie non identificado que cometeu varios crimes en 1888 no distrito de Whitechapel de Londres. O nome "Jack o Destripador" orixinouse nunha carta diseminada polos medios de comunicación que fora escrita por alguén non identificado que afirmaba ser o asasino. Esta carta considerouse posteriormente unha fraude, probablemente escrita polos propios xornalistas como forma de atraer máis atención cara á historia e incrementar as vendas dos exemplares de xornais. O asasino foi chamado oficialmente "o Asasino de Whitechapel" ("The Whitechapel Murderer") e "Mandil de Coiro" ("Leather Apron") nos ficheiros policiais do caso e nos recontos xornalísticos da época.
Descuberta dunha vítima atribuída a Jack o Destripador. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Descoñecido Reino Unido |
Morte | Descoñecido Londres |
Lugar de sepultura | Londres |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido |
Coñecido por | Asasinatos de Whitechapel |
Actividade | |
Lugar de traballo | Whitechapel (pt) |
Ocupación | Asasino en serie |
Período de actividade | (Con vida en: 1888 ) |
Lingua | Lingua inglesa |
Cronoloxía | |
31 de agosto de 1888 | Q124029294 |
Os ataques adscritos a Jack o Destripador involucraban tipicamente a mulleres prostitutas que vivían e traballaban nos suburbios do East End de Londres, ás que se lles cortou a gorxa antes de sufrir mutilacións abdominais. O feito de que o asasino extirpara os órganos internos de polo menos tres das vítimas levou a hipótese de que posuía coñecementos de anatomía ou cirurxía. Os rumores sobre a conexión entre os asasinatos intensificáronse en setembro e outubro de 1888, e Scotland Yard así como diversos medios de comunicación recibiron cartas dun escritor ou escritores que afirmaban ser o asasino. A carta From Hell ("Dende o Inferno") recibida por George Lusk do Whitechapel Vigilance Committee incluía unha metade dun ril humano preservado, presuntamente extraído dunha das vítimas. O público comezou a crer cada vez máis no asasino en serie único coñecido como "Jack o Destripador", principalmente polas características extraordinariamente brutais dos asasinatos e polo tratamento dos eventos por parte dos medios.
A extensa cobertura nos xornais que recibiron estes asasinatos axudaron a que se espallara a notoriedade do Destripador e a que se solidificase a súa lenda. Unha investigación policial de once asasinatos en Whitechapel no ano 1891 non puido conectar estes outros eventos de forma concluínte cos asasinatos de 1888. Cinco das vítimas, Mary Ann Nichols, Annie Chapman, Elizabeth Stride, Catherine Eddowes e Mary Jane Kelly, coñécense como as "cinco canónicas", e os seus asasinatos ocorridos entre o 31 de agosto e o 9 de novembro de 1888 adoitan considerarse os que tiveron unha maior probabilidade de estar conectados entre si. Estes asasinatos nunca chegaron a resolverse, e as lendas que os arrodearon convertéronse nunha combinación de investigación histórica xenuína, contos populares e pseudohistoria. Existen ao redor dun cento de teorías sobre a identidade real de Jack o Destripador, e os seus asasinatos serviron de inspiración para moitas obras de ficción.