artista estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
John F. Flanagan, nado en Newark, Nova Jersey, o 4 de abril de 1865 e finado en Manhattan, Nova York, o 28 de marzo de 1952, foi un escultor, medallista e deseñador de moeda estadounidense.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de abril de 1865 Newark, Estados Unidos de América |
Morte | 28 de marzo de 1952 (86 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | Ferncliff Cemetery (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Actividade | |
Ocupación | escultor , deseñador , medallista |
Período de actividade | 1890 - 1940 |
Membro de | |
Premios | |
A súa obra máis recoñecida é o cuarto de dólar Washington, aparecido en 1932 e cuxo anverso se mantivo, con algunhas modificacións, ata 2021.
John Flanagan era fillo do escultor de mármore George Flanagan, de quen aprendeu o manexo do cicel.[1] Asistiu á Cooper Union de Nova York entre 1880 e 1882, onde aprendeu a modelar ornamentación arquitectónica, e tamén traballou para a Perth Amboy Terra Cotta Company.[2]
Posteriormente foi axudante de Paul Wayland Bartlett en Boston e de Augustus Saint-Gaudens, en Nova York,[3] entre 1885 e 1888. Alí asistiu a clases nocturnas na Art Students League,[1] onde tomou clases de George de Forest Brush.[2]
Da súa estreita relación artística con Saint-Gaudens, que fora alumno de François Jouffroy, Flanagan herdou o estilo francés e formou parte da xeración de escultores que o promoveron nos Estados Unidos. A amizade con Saint-Gaudens viuse reflectida nun busto seu de bronce creado por Flanagan en 1924, que se expón na Universidade de Nova York.[4][5]
Cara ao ano 1890 marchou unha tempada a París, onde Saint-Gaudens tiña moitos amigos, que lle serviron de axuda. Alí Flanagan estudou con Henri Chapu na Académie Julian. Tamén frecuentou a Académie Colarossi e, posteriormente, asistiu ao obradoiro de Alexandre Falguière na Escola de Belas Artes de París,[1][3][6] na que se matriculou en 1891. Nesa cidade expuxo tamén no Salon des Artistes Français en 1899.[2]
En 1891 axudou a Frederick William MacMonnies coa Columnian Fountain, que adornaría o espello de auga da Exposición Colombina de Chicago de 1893.[2]
Pouco despois, Flanagan recibiu a súa primeira encarga: a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos elixiuno en 1893 para a construción dun reloxo monumental de bronce que terminou en 1896 e que en 1902 se instalou na sala de lectura principal do edificio Thomas Jefferson, en Washington.[1][2][7] Esta obra representa o Pai Tempo sostendo un reloxo de area, con outras figuras, e preto da parte inferior aparecen dous estudantes lendo e escribindo. O conxunto está esculpido en varios tipos de mármore, recuberto de pedras semipreciosas, e as figuras son de bronce.[5]
En 1897 foi elixido membro destacado da comisión de artistas invitados á Exposición Universal de París de 1900. Alí presentou varias medallas que chamaron a atención dos críticos, e recibiu a medalla de prata na súa especialidade.[8]
Logo do seu regreso a Nova York en 1902, Flanagan iniciou unha prolífica carreira artística que durou ata mediados da década de 1930, con obras como Antique Education (1909), un altorrelevo para a Biblioteca Pública de Newark ou unha estatua de Joseph Henry para o Estado de Nova York, sita en Alamy Park, Albany (1927).[2]
A comisión encargada das conmemoracións do bicentenario do nacemento do primeiro presidente dos Estados Unidos, George Washingnton, en 1932, escolleu uns deseños propostos por John Flanagan para a creación dunha moeda de prata dun cuarto de dólar, cuñada en 1932.[6] Inicialmente a moeda tiña carácter unicamente conmemorativo e prevíase a súa emisión só ese ano, mais finalmente o coñecido como cuarto de dólar Washington converteuse en moeda de curso legal, emitida anualmente co mesmo deseño, en prata ata 1964 e en metal común ata 1998. Posteriormente, o anverso creado por Flanagan mantívose, con algunhas alteracións, ata 2021.[1][5][9]
Aínda que Flanagan só tivo esta experiencia como deseñador de moedas, a súa produción de medallas foi máis abundante. Unha das súas medallas máis coñecidas (1916) conmemora a batalla de Verdún na primeira guerra mundial, coa inscrición Ils ne passeront pas ("Non pasarán"),[5][10] que foi un regalo dos Estados Unidos a Francia.[1][11]
Outros dos seus traballos salientables no ámbito da medallística son a medalla da Hudson-Fulton Celebration (1909), a Medalla Aphrodite-Swift Runners (1932),[1][11] a medalla conmemorativa da visita do Príncipe de Gales e a dos Cabaleiros de Colón (1920), a medalla Roston do Congreso (1913) e a medalla Pan-Pacific Award (1915), entre outras.[6]
Tamén realizou un bo número de plaquetas metálicas con retratos de personaxes relevantes da sociedade e da arte dos Estados Unidos, como Theodore Roosevelt, Walt Whitman, Paul Wayland Bartlett, Daniel Chester French ou J. Alden Weir.[2]
En 1911, Flanagan ingresou na Academia Nacional de Deseño como membro asociado,[1] e foi nomeado académico en 1928.[2]
John F. Flanagan finou en Nova York o 28 de marzo de 1952.[6] Foi soterrado no cemiterio Ferncliff de Hartsdale, condado de Westchester, Nova York.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.