Le Sacre du printemps
From Wikipedia, the free encyclopedia
Le Sacre du printemps (en francés) ou Весна священная (en ruso, transliterado Vesna sviashchennaia) é un ballet e concerto orquestral do compositor ruso Igor Stravinskii. Foi escrito para a tempada dos Ballets Russes de Sergei Diagilev de 1913;[1] a coreografía orixinal foi obra de Vatslav Nizhinskii, con deseños de escena de Nikolai Rerikh.[2] Cando foi estreada, no Théâtre des Champs-Élysées o 29 de maio de 1913, a natureza vangardista da música e a coreografía causaron sensación e case orixinaron disturbios na audiencia.[3] Aínda que creou a obra para a escena, con pasaxes específicas acompañando ás personaxes e á acción, a música conseguiu o mesmo, senón maior recoñecemento como peza de concerto, e é amplamente considerada unha das obras máis influentes da música do século XX.[4][5]
Forma | Ballet clásico |
---|---|
Estrea | 29 de maio de 1913 |
Teatro da estrea | Théâtre des Champs-Élysées |
Lugar da estrea | París |
Compañía | Ballets Russes |
Música | |
Compositor | Igor Stravinskii |
Coreógrafo | Vatslav Nizhinskii |
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Stravinskii era un compositor novo e practicamente descoñecido cando Diagilev o recrutou para crear obras para os Ballets Russes. Le Sacre du printemps foi o terceiro proxecto deste tipo, despois do aclamado L'oiseau de feu (1910) e Petrushka (1911).[1] O concepto detrás de Le Sacre du printemps, desenvolvido por Rerikh a partir da idea dun bosquexo de Stravinskii, é suxerida polo seu subtítulo, «Imaxes da Rusia pagá en dúas partes»; no escenario, despois de varios rituais primitivos que celebran a chegada da primavera, unha moza é escollida como vítima dun sacrificio e baila ata a morte. Despois dunha recepción mixta por parte da crítica na súa forma orixinal e unha pequena xira por Londres, o ballet non volveu ser representado ata a década de 1920, cando unha versión coreografada por Léonide Massine substituíu a orixinal de Nizhinskii.[2] A de Massine foi a precursora de moitas producións innovadoras dirixidas polos principais mestres de ballet do mundo, coas que a obra gañou aceptación en todo o mundo. Na década de 1980, a coreografía orixinal de Nizhinskii, que durante moito tempo se pensou que estaba perdida, foi reconstruída polo Joffrey Ballet nos Ánxeles.[6]
A partitura de Stravinskii contén moitas características novidosas para a época, entre as que se inclúen experimentos na tonalidade, a métrica, o ritmo, a acentuación e a disonancia.[7] Os analistas teñen observado na partitura unha base significativa na música popular rusa, unha relación que Stravinskii tendía a negar. A música de Le Sacre du printemps influíu a moitos dos principais compositores do século XX, e é unha das obras máis gravadas do repertorio clásico.[8]