trompetista e vocalista de blues estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Louis[1] Daniel Armstrong, nado en Nova Orleáns (Luisiana) o 4 de agosto de 1901[2] e finado en Corona (Nova York) o 6 de xullo de 1971, tamén coñecido polos seus alcumes Satchmo ou Pops, foi un trompetista, vocalista, compositor e actor estadounidense, unha das figuras máis influentes do jazz. A súa carreira estendeuse durante cinco décadas, dende os vinte ata os sesenta, cubrindo diferentes eras da historia do jazz.[3]
Armstrong afirmou frecuentemente que naceu o 4 de xullo de 1900.[4] Aínda que faleceu en 1971, non foi ata mediados dos oitenta que a súa verdadeira data de nacemento, o 4 de agosto de 1901, foi descuberta por Tad Jones buscando os rexistros de bautismo.[5] Polo menos outras tres biografías consideran que a data de nacemento do 4 de xullo é un mito.[6][7][8]
Armstrong naceu en Nova Orleáns, fillo de Mary Albert e William Armstrong. Albert era de Boutte, Luisiana, e deu a luz na súa casa con dezaseis anos. William Armstrong abandonou a familia pouco despois.[9] Uns dous anos despois, tivo unha filla, Beatrice "Mama Lucy" Armstrong, que foi criada por Albert.[10]
Louis Armstrong foi criado pola súa avoa ata os cinco anos, cando volveu coa súa nai.[9] Pasou a súa mocidade na pobreza nun barrio duro coñecido como The Battlefield.[11] Aos seis anos asistiu á Escola Fisk para nenos,[12] unha escola que aceptaba nenos negros no sistema de segregación racial de Nova Orleáns. Traballou facendo tarefas para os Karnoffsky, unha familia de xudeus lituanos. Mentres vendía carbón en Storyville, escoitou spasm bands, grupos que tocaban música con obxectos cotiáns. Escoitou os primeiros sons de jazz das bandas que tocaban nos bordeis e nas salas de baile como Pete Lala's, onde actuaba King Oliver.[13]
Cando Armstrong tiña once anos, deixou o colexio.[12] Armstrong uniuse a un cuarteto de rapaces que cantaba nas rúas por cartos. Tamén se meteu en problemas. Tras coller sen permiso a arma do seu padrasto, disparou ao ar e foi arrestado o 31 de decembro de 1912. Pasou a noite no Tribunal Xuvenil de Nova Orleáns e foi sentenciado o día seguinte a arresto en Colored Waif's Home.[14] A vida nese lugar era espartana. Non había colchóns, as comidas eran pouco máis que pan con melaza. O capitán Joseph Jones dirixía a casa como un campamento militar e usaba o castigo físico.[15] Armstrong desenvolveu as súas habilidades coa corneta tocando na banda. Peter Davis, que aparecía con frecuencia na casa a petición do capitán Jones,[16] converteuse no seu primeiro profesor e escolleuno como líder da banda. Con esta banda, Armstrong atraeu a atención de Kid Ory con trece anos.[17] O 14 de xuño de 1914, Armstrong foi enviado á custodia do seu pai e a súa nova madrasta, Gertrude. Meses despois, cando Gertrud deu a luz unha filla, e como o pai de Armstrong non o recibira ben, volveu coa súa nai, Mary Albert. Tiña que compartir cama coa súa nai e a súa irmá.[18]
Armstrong comezou a traballar nos cabarés de Storyville, onde estaban concentrados todo os locais nocturnos da cidade. Foi nesta época e lugar onde coñeceu o cornetista King Oliver. Co paso do tempo foi gañando unha gran reputación como trompetista na cidade de Luisiana, sendo contratado polo director de orquestra, Kid Ory. Pouco tempo despois foi contratado por Fate Marable para a súa prestixiosa banda que tocaba diariamente no barco de vapor Sidney da liña Streckfus Steamers que percorría o río Mississippi.[19]
En 1922, chegoulle a súa grande oportunidade cando King Oliver o chamou dende Chicago para que se incorporase á súa Creole Jazz Band como segundo corneta. Alí comezou de verdade a súa apoteótica carreira e pronto pasou a gravar como líder da súa propia banda os seus primeiros discos
Polo recoñecemento que acadou, chegou a interesarse por el Fletcher Henderson, o mellor director negro de orquestra do momento, quen lle ofreceu un contrato para que se unise á súa banda, contrato que Armstrong aceptou.
En só un ano revolucionou o estilo e a maneira de tocar dos seus compañeiros e gravou cos mellores músicos da época, como Clarence Williams (amigo seu de Nova Orleáns), os Williams Blue Five, Sidney Bechet, e as cantantes de blues Alberta Hunter, Ma Rainey e Bessie Smith.[20][21]
Deixou a banda de Fletcher e entre os anos 1925 e 1928 protagonizou un dos momentos fundamentais do jazz, fundando dous grupos. Primeiro os Hot Five, que incluía a Kid Ory (trombón), Johnny Dodds (clarinete), Johnny St. Cyr (banjo), Lil Armstrong (piano), e habitualmente non había tambor. Durante un período de doce meses dende novembro de 1925, o quinteto realizou vinte e catro gravacións.[22]
Na primeira metade de 1927, Armstrong montou o seu grupo Hot Seven, que engadiu o batería Al "Baby" Dodds e a tuba de Pete Briggs, ademais de conservar a maioría da liña orixinal dos Hot Five. John Thomas substituíu a Kid Ory no trombón. A finais dese ano organizou unha serie de novas sesións cos Hot Five que deron lugar en nove gravacións máis. A finais de 1928, comezou a gravar cun novo grupo: Zutty Singleton (tambor), Earl Hines (piano), Jimmy Strong (clarinete), Fred Robinson (trombón) e Mancy Carr (banjo).[23]
Viaxou a Europa en 1932 conseguindo un grande éxito na cidade de París.[24] Nesta época foi reclamado por Hollywood, aparecendo en numerosos filmes de maior ou menor calidade. A aparición de Joe Glaser en 1935 como o seu representante e a contratación da orquestra de Louis Russell como formación de apoio de Armstrong, estableceron o curso dos acontecementos durante o resto da década, en que Armstrong pasou de ser unha figura do jazz a un destacado membro da industria do entretemento en xeral.
En 1940, Glaser rompeu a súa relación comercial cona big band de Russell e contratou novos músicos; esa unidade foi o principal apoio co que contou Armstrong ata 1947. Tras pasar moitos anos de xira, asentouse permanentemente en Queens (Nova York) en 1943. Nos anos corenta as big bands entraron en decadencia debido aos cambios no gusto do público: moitas salas de baile pecharon e entre os novos medios de comunicación como a televisión e o auxe de novos tipos de música, as big bands e o swing pasaron a un segundo lugar. Fíxose imposible manter e financiar orquestras itinerantes de 16 músicos.
Contra 1947 reduciu a banda a cinco instrumentos, volvendo así ao estilo Dixieland. Formou entón o seu grupo máis coñecido, os All Stars, co trombonista Jack Teagarden, o clarinetista Barney Bigard, o pianista Earl Hines, o batería ''Big Sid'' Catlett e o contrabaixista Arvell Shaw. A presentación oficial do grupo foi o 13 de agosto de 1947 no club Billy Berg's dos Ánxeles; durante este período, realizou moitas grabaciones e apareceu en arredor de trinta filmes.[24]
Na década de 1950, Armstrong era unha icona estadounidense e un embaixador cultural cunha lexión de fans internacional. Porén, notouse un crecente salto xeracional entre el e os novos músicos de jazz que xurdiran na posguerra como Charlie Parker, Miles Davis e Sonny Rollins. Estes describían a súa propia música como abstracta e consideraban o estilo de vodevil de Armstrong, metade música e metade entretemento, pasado de moda e estilo Tío Tom.[25] Chamou ao bebop "música chinesa".[26] Mentres estaba de xira en Australia en 1954, preguntáronlle se podería tocar bepop: "Bebop? Eu só toco música. Os tipos que inventan vocábulos como ese están paseando polas rúas cos seus instrumentos baixo o brazo".[27][28]
Na década de 1960, estivo de xira por Ghana e Nixeria.[29][30]
Tras finalizar o seu contrato con Decca Records, converteuse nun artista libre e gravou para outras discográficas.[31][32] Continuou coa súa intensa axenda internacional, mais en 1959 sufriu un ataque ao corazón en Italia e tivo que descansar.[33]
En 1964, Armstrong gravou a que foi a súa canción máis vendida, "Hello, Dolly, unha canción de Jerry Herman, cantada orixinalmente por Carol Channing. Chegou ao número un das listas dos Estados Unidos, superando os Beatles.[34] Armstrong tamén logrou polo disco un premio Grammy ao mellor cantante masculino e foi candidato ao mellor disco do ano. No álbum aparece tamén outro tema clásico de Armstrong, "Jeepers Creepers".
As gravacións de Armstrong cambiaron o jazz, convertendo unha música de improvisación colectiva nunha onde o fundamental é o solo, a expresión individual dun músico. Na derradeira etapa da súa vida tivo problemas cos beizos, que lle impedían tocar, e pasou a converterse cada vez máis en cantante e entertainer. O feito de que esta sexa a etapa coa que máis se identifique a Armstrong non cambia que foi quen nos anos 20 do século XX definiu o que dende entón entendemos como jazz.
Debido a problemas de saúde, restrinxiu as súas actuacións ao mínimo cara ao final da súa vida, aínda que continuou a tocar ata o día do seu pasamento. Louis Armstrong morreu dun ataque cardíaco o 6 de xullo de 1971 con 69 anos en Corona, Queens, Nova York, once meses despois de tocar o seu último solo na Sala Imperial do Waldorf-Astoria. As súas últimas palabras foron: "I had my trumpet, I had a beautiful life, I had a family, I had Jazz. Now I am complete." ("Tiven a miña trompeta, unha vida fermosa, unha familia, o Jazz. Agora estou completo."). Foi sepultado no Cemiterio Flushing, en Flushing, Nova York.[35]
Nos seus primeiros anos, Armstrong foi máis coñecido por tocar a corneta e a trompeta cun virtuosismo que lle permitía realizar figuracións máis propias do clarinete, así como por un swing de ritmos intensos, unha concepción complexa que implicaba anacrusas acentuadas, legatos de anacrusa a pulso forte e relacións complementarias entre os patróns rítmicos. Tamén nos seus primeiros anos, salientou pola gravación dos discos Hot Five and Hot Seven Sessions entre 1925 e 1928 cos seus grupos Hot Five e Hot Seven, así como os realizados cos Red_Onion_Jazz_Babies. Esas gravacións, sobre todo os seus solos, estableceron un padrón que aínda hoxe é seguido por outros músicos.[36] Sendo infrecuentemente sofisticados para aqueles tempos, tamén eran subtís e moi melódicos. O solo que toca en "Potato Head Blues" é considerado o mellor desta serie.
Con anterioridade a Amstrong, a maioría do jazz tocado en bandas incluía solos ocasionais mais simplemente variaba as melodías das cancións. Armstrong foi practicamente o primeiro en crear variacións significativas a partir das harmonías dos acordes das cancións no canto de só das melodías. Isto abriu un nicho frutífero para a creación e a improvisación e cambiou de maneira significativa a música para convertila nunha forma artística con base nos solos.
Con frecuencia, Armstrong adaptaba as melodías populares que tocaba con simples variacións que as facían máis atractivas para os afeccionados ao jazz. Porén, tamén creou moitas melodías orixinais, saltos creativos e ritmos relaxados ou marcados. A técnica, mellorada coa práctica constante, ampliou a tesitura, o ton e as posibilidades da trompeta. Nos seus discos, Armstrou creou, practicamente el só, o papel do solista de jazz, tomando o que fora esencialmente unha música popular en grupo e tornándoa nunha forma artística con tremendas posibilidades de expresión individual.
Armstrong foi un dos primeiros artistas en empregar as gravacións das súas actuacións para mellorar el mesmo. Era un ávido audiófilo. Posuía unha extensa colección de gravacións que incluía fitas magnéticas que levaba consigo nos últimos anos da súa carreira. Gostaba de escoitar as súas propias gravacións e de comparalas musicalmente. Na súa casa dispuña dos equipos de son máis modernos e adoitaba ensaiar e gravar sobre as súas gravacións anteriores ou sobre o que escoitaba na radio.
Armstrong estaba actuando na Brick House de Gretna, Luisiana, cando coñeceu a Daisy Parker, unha prostituta local. Comezou a relación como cliente. Volveu a Gretna en varias ocasións para visitala. Atopou o valor para buscar a súa casa e vela fóra do traballo. Nesta ocasión descubriu que tiña marido. Pouco despois do fiasco, Parker viaxou a casa de Armstrong en Perdido Street.[37] Rexistráronse no hotel de Kid Green esa tarde. O día seguinte, 19 de marzo de 1919, Armstrong e Parker casaron na casa do concello.[37][38] Adoptaron un neno de tres anos, Clarence, fillo dunha prima de Armstrong que falecera pouco despois de dar a luz. Clarence Armstrong tiña unha discapacidade mental como resultado dunha lesión na cabeza cando era pequena e Armstrong pasou o resto da súa vida coidándoa.[39] O matrimonio con Parker rematou cando se separaron en 1923.
O 4 de febreiro de 1924 casou con Lil Hardin Armstrong, pianista de King Oliver. Ela divorciárase do seu primeiro marido uns poucos anos antes. A súa segunda esposa axudouno a desenvolver a súa carreira, pero separáronse en 1931 e divorciáronse en 1938. Armstrong casou entón con Alpha Smith.[40] A súa relación con Alpha comezou cando el estaba tocando no Vendome na década de 1920 e continuou moito despois.[41] O terceiro matrimonio durou catro anos, e divorciáronse en 1942. Armstrong casou entón con Lucille Wilson en outubro de 1942, cantante do Cotton Club, coa que continuou casado ata a súa morte en 1971.[42]
Armstrong non tivo fillos dos seus matrimonios.[43] Porén, en decembro de 2012, Sharon Preston-Folta, de 57 anos, afirmou que era filla dunha relación con Armstrong con Lucille "Sweets" Preston, bailarina do Cotton Club.[44] Nunha carta de 1955 ao seu representante, Joe Glaser, Armstrong afirmou que cría que o bebé de Preston era filla del e encargou a Glaser que pagase unha asignación mensual de 400 dólares ao mes á nai e á nena.[45]
En inglés, o nome Louis pronúnciase con s final, mais na Louisiana, onde se criou Louis Armstrong, ese s non se pronuncia porque procede do francés. Existe división de opinións sobre a maneira en que el pronunciaba o seu nome. Nas gravacións da época refírense a el das dúas maneiras e por escrito utilizábanse tamén as formas Louie e Lewie, que non teñen s.
Ao longo da súa carreira compuxo case duascentas cancións que foron empregadas en bandas sonoras de películas como:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.