From Wikipedia, the free encyclopedia
A mitoloxía da Irlanda precristiá non sobreviviu completamente á conversión do cristianismo, pero boa parte dela conservouse, recortada nos seus significados relixiosos, na literatura medieval irlandesa, que representa a máis extensa e mellor conservada de tódalas pólas da mitoloxía celta. A mitoloxía irlandesa non pode ser comprendida sen un coñecemento do contexto histórico e cultural da Irlanda antiga. A transición do paganismo ao cristianismo deixou unha fonda pegada nestas historias, adaptadas e reinterpretadas ao longo dos séculos.
Aínda que moitos dos manuscritos non lograron sobrevivir e moitos materiais probablemente nunca chegaron a ser escritos, hai contidos abondos para permitir a identificación de catro ciclos distintos: o Ciclo mitolóxico, o Ciclo do Ulster, o Ciclo feniano e o Ciclo histórico. Tamén hai certo número de textos mitolóxicos que non encaixan en ningún outro ciclo. Asemade, hai un vasto número de contos populares do folclore irlandés conservados que, aínda que non son estritamente mitolóxicos, están protagonizados por personaxes dalgún destes catro ciclos.
Este é talvez o ciclo máis antigo e está centrado nos deuses e na creación do mundo. Inclúe historias como a do Dagda, un deus supremo con poderes máxicos, e a da súa filla Bríxida, deusa da poesía e da curación. Segundo a opinión de Mackillop (1998), o uso do termo é "un pouco incómodo hoxe".[1]
Centrado nas historias de Cú Chulainn, este ciclo presenta unha serie de epopeas e lendas que ocorren principalmente na provincia do Ulster. O Táin Bó Cúailnge é o conto máis famoso deste ciclo, e relata a guerra entre Connacht e o Ulster.[2]
Neste ciclo atópanse as aventuras de Fionn mac Cumhaill e os seus guerreiros, os Fianna. Historias como "O salmón do coñecemento" e "A busca de Diarmuid e Gráinne" son partes fundamentais deste ciclo, narrado por Ossian.[3]
Este ciclo inclúe textos que vinculan a mitoloxía coa historia real ou semi-real de Irlanda, como o Lebor Gabála Érenn (O Libro das Invasións), que narra a chegada dos distintos pobos á illa de Irlanda.
Ademais dos mencionados, outros personaxes importantes inclúen a Morrígan ou Morrigu, deusa da guerra e da morte, e Lugh, deus do sol e das habilidades, entre outros.
Alén dos ciclos principais, existen numerosos mitos e lendas que, aínda que non forman parte de ningún ciclo específico, son amplamente coñecidos e populares, como as historias de banshees, pookas, leprechauns, fadas e outros seres máxicos.
A mitoloxía irlandesa ten un impacto significativo na cultura moderna, influenciando desde a literatura e o cine até festas como o Día de San Patricio.
Algúns elementos comúns entre as mitoloxías atlánticas, en particular na mitoloxía irlandesa e galega, poden ser indicativos de raíces culturais compartidas ou intercambios históricos, algo que se observa tamén na toponimia.[4] En diversas épocas, houbo un interese mutuo en presentarse como países de modelos socio-culturais análogos, especialmente no rexurdimento celta, o rexurdimento gaélico e o rexurdimento galego.[5]
O concepto de criaturas mitolóxicas acuáticas é común en ambas as culturas: en Irlanda temos o cabalo acuático Capall Uisce, mentres na lenda de Santiago en Galiza o cabalo emerxe do mar cuberto en cunchas.[6]
As sereas en Galiza e as selkies ou merrows en Irlanda son seres mitolóxicos que viven no mar e teñen a capacidade de se transformar. En ambas mitoloxías hai diversas criaturas animais como dragóns (os cu sidhe, péist ou ollphéist son monstros mariños ás veces descritos como dragóns acuáticos, o dragón do Pico Sacro da Raíña Lupa ou a Tarasca, de orixe francesa, son exemplos galegos comúns á mitoloxía europea e mesmo doutros continentes), cobras ou serpentes máxicas, críptidos e diversos monstros mariños.
Outros elementos coincidentes nas mitoloxías irlandesa e galega coas doutras partes do mundo son as pedras de raio.
A lenda dos mouros galegos que esconden tesouros é similar ás lendas irlandesas sobre potes de ouro ao final do arco da vella, a miúdo gardados por leprechauns. Tamén existen paralelismos entre as figuras dos trasnos e os espíritos da casa.[7]
As banshees irlandesas lembran ás lavandeiras galegas, ambas entidades femininas relacionadas co destino. Ambas as culturas teñen unha variedade de seres míticos como xigantes, ananos e mouras na mitoloxía galega, e Tuatha Dé Danann ou fomorianos na irlandesa.
As mouras galegas e as deusas irlandesas como Morrigan ou Bríxida comparten características de seres femininos poderosos e a miúdo asociados con lugares específicos ou elementos naturais. Na arte, o costume de representar mulleres co sexo desproporcionado tamén é común aos dous países: no ano 2011 atopouse en Coirós, comarca de Betanzos, unha figura do século I que é posibelmente é a figura de Sheela-na-gig máis antiga de Europa.[8][9]
Así mesmo, figuras míticas como o coco de orixe galego-portuguesa identifícase nalgúns contextos co Jack O'Lantern do Samaín. Lobishomes, meigas e bruxas, comparten temáticas de transformación e maldición ou curación en ambas mitoloxías (véxase tamén o druidismo). A lenda de Dullahan, as banshees ou Ankou bretón comparte elementos coa Santa Compaña.[10]
Tamén ofrecen elementos de conexión a mitoloxía fundacional, como a lenda dos milesianos e Breogán, e os paralelismos coa escocesa (Gatelo, pedra de Scone etc.). Algúns deses mitos foron de ida e volta, desde tempos de Paulo Orosio até a Fuga dos Condes.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.