Moctezuma II
From Wikipedia, the free encyclopedia
Moctezuma Xocoyotzin, nado c. 1466 e finado en Tenochtitlán o 29 de xuño de 1520, cuxo nome inclúe as variantes de escrita Motecuhzomatzin, Montezuma, Moteuczoma, Motecuhzoma, Motēuczōmah, Muteczuma, e coñecido retrospectivamente polas fontes europeas como Moctezuma II, foi o noveno tlatoani de Tenochtitlán e o sexto Huey Tlatoani ou emperador do Imperio Azteca, que reinou dende o ano 1502 ou 1503 até o 1520. O primeiro contacto entre as civilizacións indíxenas de Mesoamérica e os europeos produciuse durante o seu reinado, e foi asasinado polos españois durante as fases iniciais da conquista española do Imperio Azteca, cando o conquistador Hernán Cortés e os seus homes loitaron para tomar a capital azteca, Tenochtitlán. Durante o seu reinado, o Imperio Azteca acadou a súa máxima expansión. A través da guerra, Moctezuma expandiu o territorio polo sur ata Xoconosco en Chiapas e o istmo de Tehuantepec, e incorporou aos pobos zapoteca e yopi dentro do seu imperio.[1] Cambiou o sistema previo e meritocrático da xerarquía social e ampliou a división entre os pipiltin (nobres) e os macehualtin (xente do común) prohibindo á xente común traballar nos palacios reais.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1466 Tenochtitlán |
Morte | 29 de xuño de 1520 (Gregoriano) (53/54 anos) Tenochtitlán |
Huey Tlatoani | |
14 de abril de 1502 – 1520 | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Azteca |
Relixión | Relixión azteca e mitoloxía azteca |
Actividade | |
Ocupación | político |
Lingua | Lingua náhuatl |
Familia | |
Cónxuxe | Teotlalco Tlapalizquixochtzin |
Fillos | Xipaguazin Moctezuma () Tlaltecatzin () Chimalpopoca () Isabel Moctezuma () Teotlalco Pedro Moctezuma () |
Pais | Axayácatl e Axcatlxochitl-Xochiquetzal |
Irmáns | Cuitláhuac, Tezozomoctli Acolnahuacatl e Xocotzin |
Malia que o goberno de Moctezuma II foi sucedido por outros dous líderes aztecas logo da súa morte, os seus reinados foron moi breves e o imperio colapsou rapidamente con eles. As representacións históricas de Moctezuma caracterizáronse por amosar o seu papel como gobernante dunha nación derrotada, e moitas fontes describírono como débil, supersticioso e indeciso.[2] A súa historia segue sendo unha das narrativas de conquista máis coñecidas da historia do contacto europeo cos nativos americanos, e foi mencionada ou retratada en numerosas obras de ficción histórica e cultura popular.