From Wikipedia, the free encyclopedia
Os osteoblastos (do grego "óso" e "xerme" ou "embrionario") son as células encargadas da formación do óso, que se poden considerar como fibroblastos especializados que ademais dos produtos fibroblásticos, expresan sialoproteínas óseas e osteocalcina.[1]
Os osteoblastos producen a matriz extracelular do tecido óseo (osteoide), que está composta principalmente de coláxeno de tipo I. Os osteoblastos son tamén responsables da mineralización desta matriz. O cinc, o cobre e o sodio son algúns dos ións minerais que se requiren neste proceso. O óso é un tecido dinámico que está constantemente sendo remodelado polos osteoblastos, encargados da produción da matriz e a parte mineral do tecido, e polos osteoclastos, que destrúen parte do tecido durante a remodelación. Os osteoblastos tenden a decrecer en número coa idade, o que afecta ao balance entre a formación e a reabsorción do tecido óseo.[2]
Os osteoblastos orixínanse a partir de células osteoproxenitoras localizadas na capa profunda do periósteo que rodea os ósos e na medula ósea. As células osteoproxenitoras son células inmaturas que expresan o factor de transcrición regulatorio principal Cbfa1/Runx2.
As células osteoproxenitoras son inducidas a diferenciarse baixo a influencia de factores de crecemento, en particular as proteínas morfoxenéticas óseas (BMPs).[3] Ademais das BMPs, outros factores de crecemento como o factor de crecemento dos fibroblastos (FGF),[3] o factor de crecemento derivado de plaquetas (PDGF) e o factor de crecemento transformante beta (TGF-β) poden promover a división das células osteoproxenitoras e potencialmente incrementar a osteoxénese.
Unha vez que as células osteoproxenitoras comezan a se diferenciar en osteoblastos, empezan a expresar un conxunto de marcadores xenéticos como o Osterix, Col1,[4] BSP, M-CSF, ALP,[5] osteocalcina,[4] osteopontina, e osteonectina. Aínda que o termo osteoblasto implica un tipo de célula inmatura, os osteoblastos son de feito células óseas maduras enteiramente responsables da xeración do tecido óseo en animais e humanos.
A tinguidura con hematoxilina e eosina revela que o citoplasma dos osteoblastos é basófilo (tínguese con colorantes básicos) debido á presenza nel de grandes extensións de retículo endoplasmático rugoso. Na parte central hai sempre un voluminoso aparato de Golgi. O núcleo é esférico e grande. Os osteoblastos maduros sintetizan e tínguense positivamente con colorantes específicos para o coláxeno tipo I e a fosfatase alcalina.
Os osteoblastos que ao sintetizar novo tecido óseo quedan atrapados na matriz ósea, permanecen illados alí nas chamadas lagoas (lacunae) do tecido óseo e convértense alí en osteocitos. Deixan de xerar matriz ósea e de mineralizar a matriz, e pasan a actuar de modo parácrino sobre os osteoblastos activos (segregan localmente substancias regulatorias). Crese que responden a estímulos mecanosensoriais.[6][7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.