Pedagoxía
ciencia da educación / From Wikipedia, the free encyclopedia
A pedagoxía é a ciencia que estuda a educación como fenómeno tipicamente social e especificamente humano.
O seu significado está relacionado coa arte ou ciencia de ensinar. A palabra provén do grego antigo παιδαγωγός (paidagogós), o escravo que traía e levaba os nenos á escola. Das raíces paidós ('neno') e ago ('levar', 'conducir'). Inicialmente non se refería á ciencia, senón que era a denominación dun traballo: o pedagogo era o guía do neno.
Tamén se define como a arte de ensinar. Moi relacionado con este campo disciplinar, está a andragoxía.
Coa Ilustración europea de finais do século XVIII e comezos do XIX, desde Francia, Alemaña e Inglaterra, xente como o Marqués de Condorcet, Rousseau, Herbart, Pestalozzi, ou Fröbel, examinan o interese "ilustrado" polo progreso humano, retomando o significante grego. Agora con outros significados que, por outra parte, xa estaban ancorados nas mesmas raíces sinaladas. Dun lado, "paidós", 'neno', comeza a expandirse ó significado do humano, de tódalas etapas da vida humana, e non só da nenez. O verbo, igualmente, deixa de ser o significado base da "guía" física ou psíquica para pasar a significar "condución", "apoio", "persoal", "vivencial".
Por iso, reiteradas veces se ten explicitado "pedagoxía" como "androgoxía", significante que non chegou a ter a mesma aceptación. Talvez porque "pedagoxía", ademais da tradición, tiña ó seu favor a insistencia na infancia como tempo crucial para construír a persoa a perfeccionar. Ademais de evitar as preocupacións da linguaxe sexista actual que requiriría "androgoxía" e "xinegoxía", canto menos.