Piollo da cabeza
From Wikipedia, the free encyclopedia
O piollo da cabeza humano, que pertence á subespecie Pediculus humanus capitis, é un insecto ectoparasito obrigado dos humanos, que vive no coiro cabeludo e causa a pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.[1] Son insectos que carecen de ás, que pasan toda a súa vida no coiro cabeludo humano alimentándose exclusivamente de sangue humano.[1] Os humanos son os únicos hóspedes coñecidos deste animal, xa que o chimpancé, por exemplo, hospeda outra especie de piollos estreitamente emparentados co humano, da especie Pediculus schaeffi. Outras especies de piollos infestan á maioría das ordes de mamíferos e a todas as ordes de aves.[1]
Pediculus humanus capitis | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome trinomial | |||||||||||||||||
Pediculus humanus capitis De Geer, 1767 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Pediculus capitis (De Geer, 1767) |
Como todos os piollos, os piollos da cabeza humanos diferéncianse doutros ectoparasitos hematófagos, como as pulgas, en que os piollos pasan todo o seu ciclo vital vivindo sobre o seu hóspede.[2] Os piollos da cabeza non poden voar, e ademais as súas curtas e grosas patas fan que lles sexa imposible choutar, ou mesmo andar eficientemente sobre superficies planas.[2]
O piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis) ten unha subespecie irmá, que é o piollo do corpo (Pediculus humanus humanus). O piollo da cabeza non transmite enfermidades, a diferenza do piollo do corpo, e prefire adherir os seus ovos aos cabelos en vez de á roupa. As dúas subespecies son morfoloxicamente case idénticas pero normalmente non se hibridan, aínda que se observou que o fan en condicións de laboratorio. Desde un punto de vista xenético, crese que diverxiron como subespecies hai uns 30.000–110.000 anos, cando moitas poboacións humanas empezaron a usar cantidades significativas de roupa.[3][4] Unha especie moito máis distantemente relacionada co piollo da cabeza é o piollo pubiano (Pthirus pubis, piollo pato), que tamén infesta aos humanos, pero é morfoloxicamente diferente e está moito máis próximo en aparencia aos piollos doutros primates.[5] A infestación por piollos en calquera parte do corpo chámase pediculose,[6] e a infestación na cabeza chámase pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.
Como o piollo da cabeza non transmite outras enfermidades, a non ser as pequenas infeccións que se poden orixinar ao rañarse o hóspede nas súas picaduras, pode dicirse que son inofensivos, e máis que un problema médico son unha molestia ou un problema cosmético. Mesmo se suxeriu que as infestacións por piollos da cabeza poderían ser beneficiosas para adquirir inmunidade contra o, máis perigoso, piollo do corpo, que pode transmiitr enfermidades perigosas.[7]