A quimotripsina é un encima dixestivo de orixe pancreática, que actúa no duodeno, onde realiza a dixestión proteolítica das proteínas e polipéptidos.[2] A quimotripsina orixínase a partir dun precursor ou cimóxeno inactivo chamado quimotripsinóxeno. A quimotripsina actívase en presenza de tripsina, outro encima dixestivo. A quimotripsina cliva (corta) preferentemente enlaces peptídicos nos que o lado carboxilo do enlace (a posición P1) é unha tirosina, triptófano, ou fenilalanina. Estes aminoácidos conteñen un anel aromático na súa cadea lateral que cabe nun peto (pocket) hidrofóbico (a posición S1) do encima. A hidrofobicidade e forma complementaria entre a cadea lateral P1 do péptido substrato e a cavidade de unión S1 do encima explican a especificidade de substrato deste encima.[3][4] A quimotripsina tamén hidroliza outros enlaces peptídicos (amida) en péptidos en menor proporción, especialmente os que conteñen leucina e metionina na posición P1.
Datos rápidos Identificadores, Número EC ...
Pechar
Datos rápidos Identificadores, Número EC ...
Pechar
O seu nome contén a raíz "quimo" procedente do grego "χυμός" - khymos, "zume"[5][6], e non debe trabucarse con "quimio" (relativo á química). O quimo é o líquido pastoso parcialmente dixerido que o estómago verte o duodeno, que se mesturará cos zumes pancreático e intestinal para completar a dixestión.[7] No quimo pode atoparse a quimotripsina, entre outros encimas.