humorista gráfico arxentino From Wikipedia, the free encyclopedia
Joaquín Salvador Lavado, máis coñecido como Quino, nado en Guaymallén, provincia de Mendoza (Arxentina), o 17 de xullo de 1932[1] e finado en Buenos Aires o 30 de setembro de 2020,[2] foi un humorista gráfico arxentino. A súa obra máis famosa é a tira cómica de Mafalda, publicada entre 1964 e 1973.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2020.) |
Era fillo de emigrantes andaluces. Chamárono Quino desde pequeno para distinguilo do seu tío, o ilustrador Joaquín Tejón, que foi o que espertou nel a vocación de debuxante xa de novo. En 1945, trala morte da súa nai, empezou a estudar na Escola de Belas Artes de Mendoza. O seu pai morreu pouco despois, polo que abandonou a escola coa intención de converterse en autor de historietas cómicas. Intentou encontrar traballo nas editoriais porteñas, pero fracasou. Tras verse obrigado a facer o servizo militar, en 1954 estableceuse en Bos Aires en condicións paupérrimas.
Por fin logrou publicar a súa primeira páxina de humor no semanario Esto es. A partir de entón comezou a publicar noutros medios, como "Leoplán", TV guía, Vea y lea, Damas y damitas, Usted, Panorama, Adán, Atlántida, Che ou Democracia.
En 1954 comezou a publicar regularmente en Rico Tipo, seguindo en Tía Vicenta e Dr. Merengue. Ó pouco tempo comezou a facer debuxos publicitarios. Publicou o seu primeiro libro recompilatorio, Mundo Quino, en 1963. Logo diso encargáronlle unhas páxinas para unha campaña de publicidade, para as que creou a Mafalda. A campaña non se chegou a facer, pero gardou o personaxe. A primeira historia de Mafalda publicouse en Leoplán, e posteriormente apareceu regularmente no semanario Primera Plana. Entre 1965 e 1967 publicouse no xornal El Mundo, e axiña publicou o primeiro libro recompilatorio. Comezou a editarse en Italia, España (onde a censura obrigou a etiquetalo como "para adultos"), Portugal e outros países.
Tras abandonar a tira de Mafalda o 25 de xuño de 1973 ó ter as ideas esgotadas, transladouse a Milán, onde continuou traballando.
Os protagonistas adoitan ser xente normal facendo a súa vida, aínda que Quino non renuncia a escenas surrealistas ou alegóricas (como policías botando valium nas bocas abertas de manifestantes) e ás reaccións caricaturescas.
Así, aínda que Mafalda aparenta ser unha tira máis con protagonista infantil, os seus contidos adoitan ser máis próximos e á vez adultos que outras tiras similares. Destaca, por exemplo, a preocupación de Mafalda pola política mundial, ou a obsesión de Manolito cos cartos. Malia todo, estes personaxes aínda poden ser vistos polos lectores como nenos reais con pais reais, e non como "adultos en corpos de neno".
O humor de Quino é tipicamente ácido e mesmo cínico, afondando con frecuencia na miseria e o absurdo da condición humana, sen límites de clase. Así, fan ó lector enfrontarse á burocracia, os erros da autoridade, as institucións inútiles, e a estreitura de miras. Acostuma usar as viñetas para enviar mensaxes de contido social ós lectores. Con frecuencia, os chistes buscan o sorriso como medio de enfrontarse á crúa realidade.
Este enfoque pesimista da realidade non impide que as historias estean cheas de tenrura e amosen unha fonda simpatía polas inocentes vítimas da vida (empregados, nenos, amas de casa, pensionistas, escuros artistas...), sen ocultar os seus fallos e limitacións. Pero incluso nas súas caricaturas de xefes opresivos e burócratas sen sentimentos atísbase certa simpatía, por ser á súa vez vítimas da súa propia estupidez.
A óptica de Quino é probablemente produto das vicisitudes da Arxentina nos últimos cuarenta anos. A súa mestura de pesimismo e humanismo é posiblemente unha das principais razóns do seu grande éxito en toda Latinoamérica.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.