Reino de Hungría (1920-1946)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Reino de Hungría (en húngaro: Magyar Királyság), é o nome que recibiu o Estado húngaro entre 1920 e 1946 ata que, logo da derrota na segunda guerra mundial, transformouse na República Popular de Hungría. Malia ser un reino, non tiña rei, senón un rexente, o antigo almirante austrohúngaro Miklós Horthy. Logo do longo período de rexencia conservadora (1920-1944), o país quedou dominado pola Alemaña nazi en 1944; despois da ocupación militar de marzo, o rexente foi substituído por Ferenc Szálasi, fascista do Partido da Cruz Frechada, en outubro. Expulsadas as forzas alemás polas soviéticas en 1944-1945, o país quedou controlado pola Unión Soviética.
Magyar Királyság (hu) | |||||
Himno | Himnusz | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Budapest | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua húngara | ||||
Xeografía | |||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 29 de febreiro de 1920 | ||||
Disolución | 1 de febreiro de 1946 | ||||
Sucedido por | República da Hungria (pt) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía constitucional | ||||
• Regent of Hungary (en) | Miklós Horthy | ||||
Membro de | |||||
Moeda | Coroa húngara | ||||
Logo da derrota militar da República Soviética Húngara a finais do verán de 1919, xa que os conservadores eran partidarios de restaurar no trono húngaro ao antigo emperador mentres que o Exército e os radicais de dereita rexeitaban a volta dos Habsburgo, decidiuse a implantación temporal dunha rexencia en marzo de 1920.[1] O réxime do rexente Horthy caracterizouse polo seu carácter conservador,[2] chauvinistamente nacionalista e profundamente anticomunista.[3] A rexencia sostívose sobre unha alianza inestable de conservadores e ultradereitistas.[4] A política exterior caracterizouse polo revisionismo —a revisión total ou parcial dos tratados de paz para obter condicións máis favorables para as partes prexudicadas— e o antibolxevismo —piar do réxime contrarrevolucionario e internamente convertido en antisemitismo e rexeitamento da democracia—.[5] En novembro ratificouse o Tratado de Trianon, imposto polos vencedores da primeira guerra mundial, a pesar do rexeitamento xeral ás duras cláusulas —o país perdía arredor de dous terzos da súa poboación e territorio—.[6] A política de entreguerras en Hungría estivo dominada pola obsesión da clase política polas perdas territoriais sufridas co Tratado de Trianon, que deixaban fóra das novas fronteiras do reino a máis de tres millóns de húngaros, maioritarios nalgúns territorios limítrofes.[7] O revisionismo territorial non só concentrou as enerxías políticas da nación, senón que tamén serviu para xustificar a falta de reformas internas.[8] O fin do período de inestabilidade interna que seguiu á caída da república soviética comezou co nomeamento como presidente do goberno de Bethlen,[9][10] candidato de consenso entre conservadores e radicais de dereita.[11] Cunha política exterior pacífica e tendo posto fin á inestabilidade interna, logrou o ingreso do país na Sociedade de Nacións en 1922.[12] A estabilidade política acadada permitiulle axiña negociar créditos estranxeiros que melloraron a situación económica.[13] Co apoio de Horthy, o control das eleccións e o dominio do partido gobernamental que tiña asegurado o Goberno, puido gobernar sen oposición durante unha década no cumio dun sistema que non só apoiábase no partido, senón tamén na Administración do Estado, o clero, a banca ou a aristocracia rural.[14] O sistema político era parlamentario, mais non democrático senón autoritario.[15] Estaba dominado pola nobreza latifundista e o funcionariado, frecuentemente tamén de orixe aristocrática.[16] Logo dun curto período expulsados do poder polas revolucións da posguerra, en 1919 retomárono, restaurando o sistema político e social anterior á contenda mundial.[16] Os traballadores urbanos e campesiños, dous terzos da poboación total, carecían de toda influencia no goberno da nación.[16] A neutralización dos socialistas fixo que a radicalización popular a finais da década seguinte encauzárase a través do fascismo.[17]
A Gran Depresión produciu unha gran crise económica e social que puxo en dificultades o modelo político de Bethlen.[18] Nesta situación, o rexente e os principais políticos decidiron chamar a Gyula Gömbös, representante dos radicais e a persoa con máis probabilidades de calmar as masas.[19] Gömbös pouco a pouco foi colocando aos seus partidarios nos postos medios e principais da Administración e o Exército.[20] Unha vez dimitido Bethlen, a figura do rexente adquiriu unha importancia fundamental durante a década de 1930, en especial a partir de 1935.[21] Converteuse no árbitro da política nacional, tanto pola crecente parálise gobernamental debida ao cisma entre conservadores e radicais de dereita, como polo prestixio do que gozaba entre a maioría dos grupos de dereita do país.[22] Horthy tentou gardar o equilibrio entre as dúas correntes da dereita nacional.[21] Nos últimos oito anos da súa rexencia, o poder alemán e a popularidade do Reich entre parte da poboación marcaron intensamente a política nacional e desbarataron todo intento de restaurar o modelo conservador da década de 1920.[23] Alemaña aliviou a crise económica do país desatada durante a Gran Depresión e facilitou a consecución dos seus anhelos de revisión territorial, mais ao prezo de convertelo progresivamente no seu satélite.[23] Os sucesivos Gobernos fracasaron nos seus intentos de limitar a influencia alemá e a dereitización do país, en parte pola súa negativa a renunciar ás súas aspiracións revisionistas, que dependían de Berlín, que favorecía o robustecemento da ultradereita húngara.[24]
Grazas á nova proximidade a Alemaña e Italia, o país recuperou parte dos territorios perdidos en Checoslovaquia na Primeira arbitraxe de Viena en novembro de 1938.[25] Daquela Alemaña xa obtivera un papel fundamental na política húngara.[26] O desexo popular de cambios, a actitude reaccionaria do Goberno, oposto a eles, a impotencia da esquerda e o poderío dos movementos fascistas en Europa favoreceron o crecemento da ultradereita radical como oposición favorable ás reformas.[27] Na Segunda arbitraxe de Viena, organizado por Italia e Alemaña no outono de 1940, Hungría recuperou o norte de Transilvania, cedido forzosamente por Romanía.[28] O país entrou en guerra do lado do Eixe, primeiro contra Iugoslavia e máis tarde contra a URSS (a finais de xuño) e os Aliados occidentais (en decembro).[21] Os intentos de cambiar de bando realizados ao final da contenda fracasaron, tanto polo desexo de manter os territorios recuperados e o anticuado sistema social, como pola reticencia gobernamental a tratar coa Unión Soviética.[29] Para evitar un cambio de bando similar ao italiano, os alemáns invadiron sen oposición o país en marzo de 1944.[30] O novo Consello de Ministros, supervisado por un representante alemán, quedou encargado de reformar o Exército e a economía nacionais en favor do esforzo bélico alemán e de poñer fin ao «problema xudeu».[31] Os alemáns deron un golpe de Estado que acabou coa rexencia de Horthy e entregou o poder a Ferenc Szálasi, caudillo do Partido da Cruz Frechada.[32] Finalmente, os soviéticos lograron expulsar aos alemáns do territorio húngaro, devastado polos combates, o 4 de abril de 1945.[33] Todas as anexións húngaras foron declaradas nulas na posguerra.[34]
Con máis da metade da poboación adicada á agricultura, a distribución da terra seguiu a ser extremadamente desigual.[35] En xeral o campesiño húngaro era moi pobre.[35] Fomentouse a industrialización do país para tratar de reducir a superpoboación rural, mais a industria nunca chegou a crecer o suficiente como para absorber o exceso de poboación do agro.[36] A Gran Depresión golpeou con forza a economía húngara, e en especial a agricultura: os prezos do cereal, exportación crucial para Hungría, afundíronse no mercado mundial.[37] A grave crise económica favoreceu o aumento da influencia das potencias fascistas, Italia e Alemaña, únicos compradores da produción agrícola húngara que deixou de absorber o mercado internacional —e, no caso de Alemaña, receptor de parte dos seus desempregados— e o poder da dereita radical.[38] En 1938, Alemaña controlaba xa algo máis do 50 % das importacións e as exportacións húngaras.[39] O aumento do comercio con Alemaña e o inicio do rearmamento sacaron ao país da depresión económica na segunda metade da década de 1930.[32] As condición de vida e traballo dos obreiros industriais seguiron a ser malas, mais o desenvolvemento de industrias relacionadas co rearmamento eliminaron practicamente o desemprego.[40] Polo que respecta á poboación xudía, en 1930 representaba o 5,1 % do total da nación.[41] Case a metade residía na capital, onde ocupaba un papel primordial na industria, o comercio ou as finanzas.[42] A finais desta década e principios da seguinte, promulgáronse unha serie de importantes leis discriminatorias que limitaron gravemente os seus dereitos e minguaron notablemente a súa situación económica.[43] Durante a segunda guerra mundial, un total de 565 000 xudeus foron asasinados nos territorios controlados por Hungría.[44]