Revolta de xullo de 1927
From Wikipedia, the free encyclopedia
Revolta de xullo de 1927 é como se denominan habitualmente os disturbios que tiveron lugar en Viena o 15 e 16 de xullo de 1927, nos que se produciu a matanza de oitenta e cinco civís a mans da policía, e nos que tamén resultaron mortos catro axentes que se enfrontaron cos manifestantes socialdemócratas.[1] A crise continuou dous días máis, nos que a folga xeral convocada polos socialistas acabou desbaratada pola intervención das forzas de seguridade do Estado e da Heimwehr. O acontecemento agravou o asañamento entre o Goberno conservador e a oposición socialista, que debilitou a democracia austríaca e facilitou a posterior implantación dun goberno fascista.[1]
Revolta de xullo de 1927 | |
---|---|
Documentos queimados no incendio do Palacio de Xustiza vienés ocorrido durante a revolta de xullo. | |
Tipo | Revolta popular |
País | Austria |
Lugar | Viena |
Localización | Palacio de Xustiza |
Data | 15-18 de xullo de 1927 |
Como reflexo da crecente tensión política en Austria, o 30 de xaneiro de 1927 , produciuse unha liorta entre membros da Liga de Defensa Republicana socialista e os seus rivais conservadores da Frontkämpfervereinigung (Asociación de Veteranos da Fronte) na que os segundos mataron a tiros a un obreiro e un neno.[2] Logo de diversas protestas en varios puntos do país e por iniciativa dos seus dirixentes, os partidarios socialistas abstivéronse de enfrontamentos políticos ata o xuízo dos acusados das mortes, que se celebrou en xullo dese ano.[2]
A tensión reduciuse levemente ata as eleccións parlamentarias do 24 de abril, que captaron a atención nacional.[2] A pesar da vitoria socialista, o concerto do resto de partidos que obtiveron representación permitiu o socialcristián Ignaz Seipel seguir á fronte do Goberno e manter os socialistas na oposición.[3] Pola súa banda, frustrada no seu empeño por desbaratar o poder político socialista nas urnas, a Heimwehr aprestouse a enfrontarse a eles coa forza.[4]
O 14 de xullo os acusados da matanza de xaneiro foron absoltos.[4] O día seguinte estalaron graves disturbios en Viena nos que a multitude incendiou o Palacio de Xustiza.[4] As autoridades esmagaron brutalmente a revolta, que finalizou con arredor de noventa mortos, a maioría civís de clase obreira.[4] A dirección socialista convocou entón unha serie de paros tanto para retomar o control dos traballadores como para forzar o Goberno a negociar.[4] O cesamento das comunicacións pola folga do día 16 alarmou a parte da poboación, que cría que estalara a revolución, a pesar da negativa dos dirixentes socialistas a armar os seus seguidores e permitir novas manifestacións.[5] O providencial auxilio da Heimwehr ao Goberno nas provincias evitou que este cedera ás esixencias dos socialistas, que pedían a súa renuncia.[6] Os dirixentes socialistas non obtiveron concesión algunha do chanceler e, acuciados polos rogos dos seus correlixionarios das provincias de que parara a folga e preocupados polos rumores de posibles intervencións militares estranxeiras no país, ordenaron o fin do paro nos transportes e comunicacións a medianoite do día 18.[7]
Durante a folga reviviu a alicaída Heimwehr, que se dedicou a tratar de reventala, actuando nalgúns casos como policía auxiliar e logrou facela fracasar nas provincias.[8][9] O chanceler contou así tanto co apoio das forzas de seguridade do Estado como co das forzas paramilitares de dereita.[10] A revolta considérase un fito na historia da primeira república austríaca, un símbolo da radicalización do movemento socialdemócrata austríaco e da súa impaciencia ante a falta de reformas no país.[11] Para os socialistas, a revolta resultou un desastre sen paliativos, que encumbrou temporalmente a Seipel.[10] A democracia austríaca, que parecía asentada firmemente na primavera, comezou unha decadencia que levou á súa desaparición a principios da década seguinte.[12] Os posteriores intentos de conciliación entre os dous bandos, radicalizados polos acontecementos de xullo, fracasaron[13] e este fracaso conduciu ao choque final na guerra civil austríaca de febreiro de 1934.[14]