Revolución neolítica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase revolución neolítica á primeira transformación radical da forma de vida da humanidade, que pasa de ser nómade a sedentaria e de economía depredadora (caza, pesca e recolección) a produtora (agricultura e gandaría). O termo débese a Vere Gordon Childe (1936).
Este proceso tivo lugar hai máis de 9000 anos (VIII milenio a. C.) como resposta á crise climática que se produce no comezo do Holoceno, trala última glaciación. En primeiro lugar afecta á zona coñecida como crecente fértil do Medio Oriente, unha ampla zona que comprende dende o nordés de África (Val do Nilo, en Exipto) até o oeste de Asia (zona de Mesopotamia entre os ríos Tigris e Éufrates). Algo máis tarde producíronse mudanzas semellantes na India (ríos Indo e Ganxes) e no Extremo Oriente (ríos Huang Ho e Yangtzé na China). A difusión polo resto do Vello Mundo (Europa, Asia e África) prodúcese por difusión destes primeiros focos, aínda que nalgunhas zonas prodúcese localmente a domesticación de animais ou plantas autóctonas. De forma autónoma prodúcese a revolución neolítica en América, cos focos mesoamericano e andino. A difusión da agricultura e a gandaría por Oceanía nalgúns casos é simultánea á ocupación humana (as migracións das illas do Pacífico eran tanto dos grupos humanos como dos seus cultivos e gando) e noutros os usos do chan continuaron sendo moi arcaicos até a chegada dos europeos (aborixes australianos, na súa maioría cazadores-recolectores, cuxa ocupación do continente é moi antiga, quizais dende hai 40.000 anos).