From Wikipedia, the free encyclopedia
O rublo belaruso (en belaruso: беларускі рубель rubieĺ) é a moeda de curso legal na República de Belarús. O seu código ISO 4217 é BYN e adoita utilizarse como abreviatura Br.[2][3]
Rublo belaruso | |
---|---|
беларускі рубель en belaruso | |
Código: | BYN |
Ámbito: | Belarús |
Símbolo: | Br. |
Fracción: | 100 kópecks. |
Moedas: | 1, 2, 5, 10, 20, 50 kópecks. 1 e 2 rublos. |
Billetes: | 5, 10, 20, 50, 100, 200 e 500 rublos. |
Emisor: | Banco Central da República de Belarús. |
Taxa de troco: 9-5-2020 [1] | 1 EUR = 2,63 BYN 1 USD = 2,43 BYN |
O rublo belaruso divídese en 100 kópecks (капейка kapiejka).[4]
Logo da independencia de Belarús e como resultado da ruptura da cadea de subministración nas antigas empresas soviéticas, o novo Estado precisaba liquidez para acceder aos bens e servizos no mercado. A división belarusa do Banco Estatal da URSS non tiña a capacidade nin a licenza para imprimir billetes soviéticos, polo que o Goberno decidiu a introdución da súa propia moeda nacional para aliviar a carencia de efectivo circulante.
Inicialmente suxeriuse como unidade a denominación da antiga moeda alemá Thaler (en belaruso: талер), dividida en 100 groschen (грош), mais a maioría comunista no Soviet Supremo de Belarús rexeitou a proposta e aferrouse á denominación de rublo, que era habitual na república desde os tempos da Unión Soviética e do Imperio ruso. No medieval Gran Ducado de Lituania, do que Belarús era unha parte importante, a palabra rublo tamén se utilizara para designar unha moeda en circulación.[7]
Desde o colapso da URSS e ata maio de 1992, o rublo soviético circulou en Belarús xunto cos billetes do rublo belaruso. Tamén circularon os novos billetes da recente Federación Rusa, pero foron substituídos polos billetes en rublos rusos emitidos polo Banco Nacional da República de Belarús en maio de 1992. A este primeiro rublo belaruso asignóuselle o código ISO BYB e substituíu o rublo soviético a razón de 1 BYB = 10 rublos soviéticos. O tempo de adaptación durou arredor dous anos ata que se conseguiu establecer exclusivamente o rublo belaruso.[8]
En 2000 introduciuse un novo rublo, con código ISO BYR, en substitución do antigo rublo, cunha relación de 1 BYR = 1.000 BYB. Soamente se emitiu papel moeda para a súa circulación, xa que as únicas moedas cuñadas foron conmemorativas, producidas exclusivamente para o coleccionismo.[8]
Desde o comezo da súa presidencia, Alexander Lukashenka suxeriu a idea de crear unha integración coa Federación Rusa e seguir os seus pasos. Desde o principio tamén xurdiu a idea de crear unha moeda única para a Unión de Rusia e Belarús; de feito, o artigo 13 do Tratado para a creación da Unión Estatal de Rusia e Belarús, de 1999, prevé unha unidade monetaria común. As discusións sobre a unión monetaria continúan logo de terse chegado ás metas fixadas por ambos os países en 2005.[10]
No entanto, a comezos de 2008, o Banco Central de Belarús anunciou que o rublo belaruso se fixaría ao dólar, no canto de ao rublo ruso. Stanislav Bogdankevich, expresidente do banco, cualificou a decisión de política, aducindo que estaba vinculada ao desgusto de Belarús pola decisión rusa de aumentar os prezos de exportación do petróleo e do gas a Belarús a principios dese mesmo ano. Cómpre ter en conta que a economía belarusa é, en gran parte, de estilo soviético, controlada centralmente, e é moi dependente das subministracións de enerxía barata desde Rusia.[11][12]
O 1 de xullo de 2016 introduciuse un novo rublo, con código ISO BYN, en substitución do segundo rublo, dividido en 100 kópeks, a razón de 1 BYN = 10.000 BYR. Os rublos vellos e os novos circularon en paralelo desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro de 2016. Con esta redenominación, por primeira vez na historia do país, cuñáronse tanto moedas como billetes para a súa circulación.[13][14]
Nin durante o primeiro rublo nin durante o segundo se emitiron moedas destinadas á circulación. Ata esa data, Belarús era un dos poucos países do mundo carente de moeda metálica en circulación. Foi a partir de 2016, coa entrada do terceiro rublo, cando o país emitiu a súa primeira serie de moedas circulantes. As moedas estaban xa fabricadas en 2009 (e amosaban esa data), mais a crise financeira impediu que se puxesen en circulación naquel momento, o que provocou unha demora de sete anos vinculada á necesidade de reducir a inflación.[14]
As moedas de 1, 2 e 5 kópeks cuñáronse en aceiro bañado en cobre, en tanto que as de 10, 20 e 50 kópeks tiñan un núcleo de aceiro cun baño de latón. Pola súa banda, a moeda dun rublo tiña unha composición de aceiro niquelado e a moeda de 2 rublos era bimetálica, cun aro de aceiro e latón, e un centro de aceiro niquelado).[14][15]
Todas as moedas amosan o emblema nacional de Belarús, a inscrición БЕЛАРУСЬ (Belarús) e o ano de cuñaxe nos seus anversos. Os reversos amosan o valor facial da moeda adobiado con diferente adornos.[14]
Esta serie de moedas foi cuñada na Casa da Moeda de Lituania e na Casa da Moeda de Kremnica, en Eslovaquia.
Anverso | Reverso | Valor | Data | Aliaxe | Diámetro | Peso | Canto |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1 kópeck | 2009 | Cobre/aceiro | 15 mm | 1,55 g | Liso | ||
2 kópecks | 2009 | Cobre/aceiro | 17,5 mm | 2,01 g | Liso | ||
5 kópecks | 2009 | Cobre/aceiro | 19,8 mm | 2,7 g | Liso | ||
10 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 17,7 mm | 2,8 g | Estriado | ||
20 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 20,35 mm | 3,7 g | Estriado | ||
50 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 22,25 mm | 3,95 g | Estriado | ||
1 rublo | 2009 | Níquel/aceiro | 21,25 mm | 5,6 g | Estriado | ||
2 rublos | 2009 | Aro: latón/aceiro.
Centro: níquel/aceiro |
23,50 mm | 5,81 g | БЕЛАРУСЬ
РЭСПУБЛIКА БЕЛАРУСЬ 2009 |
Belarús é un importante produtor de moedas para o comercio numismático, especialmente de pezas de ouro e prata non circulantes destinadas ao investimento. A primeira emisión belarusa deste tipo de moedas produciuse o 27 de decembro de 1996, baixo o sistema do primeiro rublo.[8][24]
En 1992 introducíronse billetes con valores nominais de 50 kópeks e de 1, 3, 5, 10, 25, 50, 100, 200, 500, 1.000 e 5.000 rublos (BYB). En 1994 engadíuselles o novo valor de 20.000 rublos. A eses seguíronos os 50.000 rublos en 1995 e os 100.000 rublos en 1996. A serie completouse co billete de 500.000 rublos en 1998 e cos de 1 e 5 millóns de rublos en 1999. Esta progresión nos valores faciais do papel moeda dá boa conta da intensa inflación que caracterizou a primeira década de independencia do país.[26]
En 2000 introducíronse billetes con denominacións de 1, 5, 10, 20, 50, 100, 500, 1.000 e 5.000 rublos. En 2001 entraron en circulación novos valores de 10.000, 20.000 e 50.000 rublos, seguidos dos de 100.000 rublos en 2005 e de 200.000 rublos en 2012.[26]
O 1 de setembro de 2010 entrou en vigor unha reforma da ortografía da lingua belarusa. Consonte as vellas regras, a ortografía correcta da palabra cincuenta era пяцьдзесят (piaćdziesiat), mais segundo as novas regras debería escribirse пяцьдзясят (piaćdziasiat); a diferenza radica no sétimo carácter. Como resultado destes cambios, os billetes existentes de 50 e de 50.000 rublos pasaron a conter un erro nas súas denominacións. O 29 de decembro de 2010, o Banco Nacional de Belarús introduciu novos billetes de 50 e de 50.000 rublos coa ortografía actualizada, mantendo a mesma cor e o mesmo tamaño que nos preexistentes datados en 2000. Con este cambio aproveitouse para actualizar tamén as medidas de seguridade dos billetes.[28][29]
En 2016 introducíronse novos billetes por valor de 5, 10, 20, 50, 100, 200 e 500 rublos, correspondentes ao sistema do terceiro rublo (BYN) ou "novo rublo".[13][14][31]
O 4 de novembro de 2015, o Banco Nacional da República de Belarús anunciou que os billetes que estiveran en uso ata aquel momento serían substituídos polos novos, que xa estaban fabricados desde 2009, esperando a solución dos problemas inflacionarios para a súa posta en circulación.[13][14]
Estes billetes están impresos pola compañía De La Rue, un fabricante de billetes e artigos de papel de seguridade con sede no Reino Unido, e os seus motivos e tamaños lembran os billetes do sistema do euro.[13][14]
O 2 de xaneiro de 2009, o Banco Nacional da República de Belarús reduciu o tipo de cambio do rublo belaruso un 50 %, e o 24 de maio de 2011 un 56%.[32]
O 20 de outubro de 2011 o tipo de cambio do rublo belaruso caeu un 42 % (de 5,712 a 8,680 unidades por dólar), cando se mantivo totalmente flotante logo das demandas de Rusia e do Fondo Monetario Internacional.[33]
En xaneiro de 2015, o Banco Nacional da República de Belarús desvalorizou a súa moeda un 23 % fronte ao dólar dos EEUU, malia os esforzos para evitar que a crise do rublo ruso se estendera a través das fronteiras entre ambos os países. Ata o 1 de febreiro, un dólar valía 15,40 rublos belarusos; o día seguinte caeu a 15,45 rublos, consonte os datos da web do banco central belaruso.[34]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.